Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Haníbal
masculino
Nome mitolóxico
Variantes
Masculinas Aníbal
Etimoloxía e historia
Do latín Hánnibal, Hanníbalis, e este do púnico Hann-i-Ba'al 'graza ou favor de Baal', composto de hann 'graza', 'favor' e Ba'al, deus supremo dos fenicios e cartaxineses. O primeiro elemento ten moito que ver co semítico hânan 'axudar, ter misericordia' (que deu orixe a Ana) e o segundo significa 'señor'; é o epíteto de moitos dos deuses semíticos e personificación dunha divindade con culto en Cartago.
Motivación
O cartaxinés Haníbal, fillo de Hamílcar Barca, foi un dos grandes xefes militares da antigüidade. De rapaz o seu pai forzárao a xurar odio eterno aos romanos, e de mozo iniciou desde Hispania a arriscada tarefa da conquista de Roma. Entre o 218 e o 216 a. C. atravesou cun exército os Pireneos e os Alpes cubertos de neve; entrou na Península Itálica e venceu os romanos en catro batallas: Tesino, Trebia, lago Trasimeno e Cannas. Non se atreveu a atacar a cidade de Roma e, finalmente, Escipión o Africano acabaríao vencendo no seu propio país, Cartago, na batalla de Zama (202 a. C.).
Chamáronse así
O pintor manierista italiano Annibale Carracci (séc. XVI). En Galicia, o filólogo, natural de Ribeira de Piquín, Aníbal Otero (1911-1974), quen, cando estaba realizando en agosto de 1936 investigacións lingüísticas no norte de Portugal para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), foi tomado por espía pola policía portuguesa e entregado ás autoridades franquistas, que o condenaron a morte; despois sería amnistiado, pero permaneceu en prisión ata 1941.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Hannibal | |
Catalán | Hanníbal | |
Anníbal | ||
Español | Aníbal | |
Éuscaro | Hanibal | |
Francés | Hannibal | |
Inglés | Hannibal | |
Italiano | Annibale | |
Portugués | Aníbal | |
Romanés | Hanibal |
Antes e despois de Haníbal
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]