Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Dorotea, Doroteo
Nome cristián
Pronuncia
Dorotea:
Hipocorísticos
Femininos Dora, Tea
Etimoloxía e historia
Nome que en latín se usaba tanto en feminino como en masculino: Dorothea, Dorotheus, e que reproduce os nomes gregos Dōróthea e Dōrótheos, de significado evidente para os gregos: 'don de Deus'.
Motivación
A difusión deste nome débese á lenda de santa Dorotea, popularizada pola Lenda dourada (finais do século XIII), recompilación de haxiografías do dominico italiano Jacopo della Voragine que tería grande influencia no mundo cristián, na literatura e na arte. A maior parte destas haxiografías carecen de base documental.
Segundo este relato lendario, Dorotea, filla dun senador romano de Cesarea da Capadocia, foi decapitada na persecución de Diocleciano (303-304). Houbo tamén un san Doroteo, mártir no ano 303 con Castor en Tarso, e aínda outro que foi mártir en Nicomedia.
Chamáronse así
Dorothé Schubarth (1944-2023), musicóloga e compositora suíza, natural de Basilea. Desde 1971 desenvolveu unha intensa tarefa investigadora da música popular europea, con especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso. Contra 1978 iniciou en Galicia un gran traballo de recollida, análise, clasificación e estudo da nosa música popular, para o que percorreu numerosas aldeas de toda Galicia. Como resultado, publicou en sete volumes, en colaboración con Antón Santamarina, o Cancioneiro popular galego (1984), polo que recibiu o Premio da Crítica Galicia (1985). Tamén foi recoñecida en Galicia co Premio do Orgullo Gaiteiro (2009), co Pedrón de Honra 2013, co Día das Galegas nas Letras (2014), co Galardón honorífico dos Premios Martín Codax (2017), co Premio Honorífico da Asociación de Músicos ao Vivo (2017) e co de Mestra da Memoria 2019 da AELG. En 2014 doou o seu arquivo sonoro ao Museo do Pobo Galego, que a nomearía Patroa de Honra en 2017. En 2020 a CRTVG realizou o documental Dorothé na vila sobre o seu traballo investigador da música galega.
Nome artístico de Adoración Sánchez Bárcena ‘Dorotea Bárcena’ (Oviedo 1944 - Santiago 2016), destacada actriz, autora, directora de teatro en galego, e tamén do cinema e da televisión. Entre outros, recibiu os seguintes premios: AGAPI á mellor interpretación, o da Crítica Galicia de Iniciativas Culturais e o Premio de Honra Marisa Soto 2006.
Dorothy Johnson Vaughan (1910-2008), matemática afroamericana que traballou na NACA (National Advisory Committee for Aeronautics), axencia que precedeu a NASA, onde destacou como experta na linguaxe de programación FORTRAN, e mais no proxecto SCOUT de lanzamento de satélites ao espazo. É unha das tres protagonistas do libro de Margot Lee Shetterly Hidden Figures (‘Figuras ocultas’) e do filme do mesmo título (2016), onde se narran as dificultades extremas que tiveron tres científicas afroamericanas na NACA a principios da década de 1960 para facer valer os seus coñecementos, debido ao ambiente segregacionista, por raza e sexo da época.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Dora | |
Dorte | ||
Dorothea | ||
Español | Doroteo | Dorotea |
Éuscaro | Doroteo | Dorotea |
Francés | Dorothée | Dorothée |
Inglés | Doll(y) (hip.) | |
Doris (hip.) | ||
Dorothea | ||
Dorothy | ||
Italiano | Dorotea | |
Portugués | Doroteia | |
Romanés | Doroteia | |
Ruso | Dorofeia |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]