Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Darío, Daría
Personaxe histórico
Pronuncia
Darío:
Daría:
Etimoloxía e historia
Do antigo nome persa Dârayava(h)ux adaptado polos gregos en Dareîos e polos romanos en Darius. Componse de dâraya, forma verbal que significa 'ter, manter', e de vahu 'ben': 'que ten bens' ou 'que mantén o ben'.
Motivación
Tiveron este nome tres emperadores persas dos séculos VI e IV a. C. Darío I (525-486 a. C.) foi o que acadou a máxima extensión territorial do Imperio Persa; dada a diversidade dos pobos sometidos (medos, babilonios, sirios, fenicios, gregos...), organizou unhas vinte satrapías que gozaron de grande autonomía. Sufocou rebelións das cidades gregas de Asia Menor, pero foi derrotado na batalla de Maratón polos helenos de Europa.
Un dos seus descendentes, Darío III Codomano (336-330 a. C.), foi derrotado polo macedonio Alexandre Magno, e con el remata o vasto Imperio Persa e a dinastía aqueménida.
No mundo cristián, houbo dous mártires con este nome, un en Nicea e outro en Roma. Santa Daría (século III) foi unha antiga vestal convertida ao cristianismo polo seu home Crisanto.
Na literatura galega lembramos Darío a diario (1996), obra poética que Xela Arias dedicou ao seu fillo.
Chamáronse así
É nome de estirpe dunha coñecida familia de intelectuais galeguistas: Darío Álvarez Limeses (1877-1936), médico e xornalista galego natural de Pontevedra; radicado en Tui, sería fusilado nesta cidade o 30 de outubro de 1936 polos sublevados debido á súa militancia política (Izquierda Republicana) e por opoñerse activamente ao golpe de Estado. Darío Álvarez Blázquez (1910-1979), natural de Tui, fillo do anterior e tamén médico e escritor; en 1936 foi represaliado polos golpistas pola súa militancia galeguista. Darío Álvarez Gándara (1936-2015), fillo do anterior, médico e escritor galego.
Darío Xohán Cabana (1952-2021), poeta, narrador e membro da Real Academia Galega. Foi ademais un prestixioso tradutor ao galego das obras de Dante e Petrarca.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Darius | Daria |
Catalán | Darius | Daria |
Español | Darío | Daría |
Éuscaro | Dario | Daria |
Dari | ||
Francés | Darius | |
Inglés | Darius | |
Italiano | Dario | |
Portugués | Dario | |
Romanés | Darie | |
Ruso | Darii | Daria |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]