Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Bran
masculino
Nome mitolóxico
Véxase Brandán
Etimoloxía e historia
Do irlandés Bran ‘corvo’. Coincide cun topónimo galego do concello de Santiso e outro do concello de Oroso, que teñen orixe no nome masculino medieval de orixe xermánica Bera, procedente dunha raíz xerm. *bera(n) ‘oso’, *baira ‘xabarín’ ou beran ‘traer, levar’.
Motivación
No mundo mítico dos celtas, Llyr, o deus do mar, tería dous fillos: Bran e Manannan. O primeiro, Bran, navegante mítico dos mares do norte do Atlántico, acabaría sendo cristianizado como san Brandán, o bispo mareante; o outro, como san Barri, é o patrón dos pescadores da illa de Man.
Este personaxe da mitoloxía celta tamén foi protagonista en poesías de escritores galegos que cultivaron a materia de Bretaña. “Os oficios de Bran” é o título dun poema de Álvaro Cunqueiro, publicado en Herba de aquí e de acolá (1980), no que o xigantesco Bran o Bendito, rei da illa de [Gran] Bretaña, comandaba unha expedición contra o rei de Irlanda polas afrontas que padecía na corte a súa irmá Branwen, filla de Llyr. Este relato tamén foi utilizado por Xosé Luís Méndez Ferrín na historia mítica de “Fría Hortensia” (1982). Por outra parte, Darío Xohán Cabana, no seu soneto “Bran que era deus”, contido en Patria do mar (1989), alude directamente á función protectora que da illa de Gran Bretaña exercía a cabeza cortada de Bran, enterrada en Dover, co rostro virado cara a Francia para a protexer das invasións.
É tamén un personaxe da saga literaria A Song of Ice and Fire (‘Canción de xeo e lume’) [1996], do escritor e guionista estadounidense George R.R. Martin, popularizada a través da serie televisiva A Game of Thrones (‘Xogo de tronos’).
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]