Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Brais
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Brais:
Variantes
Masculinas Bras
Etimoloxía e historia
Do latín Blasius, alcume romano de orixe escura, posiblemente procedente do latín blaesus 'tatexo' (á súa vez do grego blaisós 'tatexo', 'de pés planos' e 'coas pernas para fóra'); como moitos outros alcumes latinos indicaba, nun principio, un defecto físico.
Motivación
San Brais (século IV) foi bispo de Sebaste (Armenia). Tivo sona de taumaturgo e curandeiro, sobre todo despois de quitarlle a un neno unha espiña de peixe que tiña cravada na gorxa. Por este feito é invocado contra os males da garganta. É un santo moi popular en Galicia, titular de numerosas igrexas e, sobre todo, ermidas.
Brais Pinto é o nome dun grupo de intelectuais, artistas e escritores fundado en Madrid en 1958, que tiñan como obxectivos principais o antifranquismo, a defensa do galego e unha renovación da cultura galega claramente influída polas vangardas. Entre os seus integrantes figuraron Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Alexandre Cribeiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Ben-Cho-Shey, Herminio Barreiro e César Arias. Segundo un cronista do grupo, Brais Pinto fora un afiador de Nogueira de Ramuín que contra o 1900 marchara percorrer mundo; estivera en Portugal, na América, en Rusia... e, finalmente, morrería en Madrid atropelado por un autobús. Soterrado no cemiterio da Almudena, os membros do grupo acudían regularmente a facerlle homenaxes. A figura do afiador non era literaria, senón dun home inquedo e soñador, solitario e libre, e este era o espírito do grupo.
Chamáronse así
Blaise Pascal (século XVII), matemático, físico e filósofo francés; Blas Infante (1885-1936), pai da patria andaluza; e Blas de Otero (1916-1979), poeta en lingua castelá.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Blasi | |
Blai | ||
Español | Blas | |
Éuscaro | Blas | |
Bladi | ||
Baladi | ||
Francés | Blaise | |
Inglés | Blaze | |
Blase | ||
Italiano | Biagio | |
Portugués | Brás |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]