Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Bieita, Bieito
Nome cristián
Pronuncia
Bieita:
Bieito:
Variantes
Etimoloxía e historia
Do latín Benedictus 'bendito'. Deste nome deriva o apelido Biéitez e Bieites que frecuentemente aparecen grafados como Viéitez e Vieites.
Motivación
San Bieito de Nursia (480-547) foi o fundador da orde dos beneditinos ou bieitos e patriarca do monaquismo occidental. Nacido en Nursia (Umbría, Italia) aos vinte anos retirouse a unha cova para facer vida eremítica. No ano 520 fundou o convento de Monte Cassino nos Apeninos, onde pasou o resto da súa vida e redactou a súa famosa regra monástica que unificou as mil tendencias da vida eremítica dos primeiros anos do cristianismo.
En Galicia é un santo moi popular, con romarías multitudinarias ás que acoden centos de romeiros: San Bieito da Cova do Lobo, San Bieito de Lérez, San Bieito de Fefiñáns en Cambados etc.
Chamáronse así
Varios papas; o último Bieito XVI (de 2005 a 2013). Entre os famosos con este nome podemos salientar: o filósofo xudeoholandés Baruch (Benedictus) de Spinoza (século XVII); o político Benito Juárez (presidente de México en 1858); o escritor canario Benito Pérez Galdós (1843-1920); o filósofo, escritor e político italiano Benedetto Croce (1866-1952). Como dato anecdótico, ao ditador fascista italiano Benito Mussolini (1883-1945) puxéralle o seu pai este nome en español polo revolucionario mexicano Benito Juárez; hoxe rexístranse máis de 50.000 italianos con esta forma española.
En Galicia, o polígrafo frei Benito J. Feixoo (1676-1764), o máximo representante da ilustración española, o primeiro ensaísta en lingua castelá (nas súas obras tamén defendeu a consideración do galego como idioma, e non dialecto, como se consideraba na súa época), e o historiador Benito Vicetto (1824-1878), autor dunha das primeiras historias enciclopédicas de Galicia (1865).
Benito Soto Aboal (1805-1830), famoso pirata natural da Moureira (Pontevedra). En 1827 apoderouse do bergantín negreiro Defensor de Pedro, no que estaba enrolado, rebautizouno co nome de Burla Negra e dedicouno á piratería, ata que en 1830 foi capturado polos ingleses e aforcado en Xibraltar. Tense dito que o poema “Canción del pirata” (1835) de José de Espronceda se inspirara na súa figura. Jorge Parada narrou a súa historia na obra O pirata da Moureira (1994). A Colección Benito Soto foi un proxecto editorial levado a cabo en Pontevedra entre 1948-1952.
Benedicto García Villar (1947-2018), cantante galego do colectivo Voces Ceibes.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Benz | |
Bretón | Benead | |
Catalán | Benet | |
Español | Benedicto | Benedicta |
Benito | Benita | |
Éuscaro | Benito | Benita |
Benedikto | Benedikta | |
Benedite | Benedite | |
Francés | Bénédicte | Bénédicte |
Benoît | ||
Inglés | Ben (hip.) | |
Bennet | ||
Italiano | Benito | |
Benedetto | Benedetta | |
Portugués | Benito | Benita |
Bento | Benta |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Bieita
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]