Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xerardo
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Xerardo:
Véxase Xiraldo
Etimoloxía e historia
De orixe xermánica e procedencia francesa, documentado nos textos galegos desde o século XIV. Está composto polas raíces góticas *ger ‘lanza’ e hardus ‘duro, forte’, moi frecuente na antroponimia franca pero escaso na gótica. É un nome semellante a outro máis tradicional en galego, Xiraldo, polo que os resultados puideron chegar a confluír.
Motivación
San Xerardo Sagredo de Budapest (séculos X-XI), veneciano, apóstolo e protomártir do cristianismo húngaro. Fora chamado polo rei santo Estevo de Hungría para educar o seu fillo. Martirizárono os pagáns en Buda (1046). É patrón de Budapest.
San Xerardo de Monza (séculos XII-XIII), fundador dun hospicio para indixentes nesta cidade italiana. Cóntase que permaneceu en oración durante unha noite enteira nunha igrexa coa promesa de lle dar cereixas ao sancristán (de aí que se represente na arte cun ramallete de cereixas na man). É padroeiro de Monza.
Chamáronse así
Xerardo Álvarez Limeses (1871-1940), mestre e escritor natural de Pontevedra. Académico correspondente da RAG, pertenceu á sección de Historia do Seminario de Estudos Galegos e foi cofundador e vicedirector do Museo Provincial de Pontevedra.
Xerardo Fernández Albor (1917-2018), médico e político natural de Santiago. Foi o primeiro presidente da Xunta de Galicia entre 1982 e 1987, tras a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.
Xerardo Moscoso Caamaño (1945-2021), natural da Cidade de México, fillo de galegos. Estudou Medicina na Universidade de Santiago e participou na fundación de Voces Ceibes (1968), colectivo de cantautores en galego críticos coa ditadura franquista.
Gerardo Diego (1896-1987), profesor e poeta español pertencente á xeración de 1927.
Gerard David (c. 1460-1523), pintor flamengo de estilo gótico, o principal da cidade de Bruxas da súa época.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Gerhard | |
Catalán | Gerard | |
Español | Gerardo | |
Francés | Gérard | |
Inglés | Gerard | |
Italiano | Gerardo | |
Portugués | Gerardo |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Xerardo
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]