Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xiraldo
masculino
Nome cristián
Véxase Xerardo
Etimoloxía e historia
De orixe xermánica e procedencia francesa, documéntase en textos galegos desde o século X. Está composto polas raíces*ger ‘lanza’ e waldan ‘gobernar’. Nos textos medievais galegos a forma máis común era Giraldo. Os resultados deste antigo nome puideron confluír cos doutro de procedencia francesa, Gerardo, documentado en Galicia a partir do século XIV.
Motivación
San Xiraldo de Aurillac (séculos IX-X) era conde. Fundou o mosteiro bieito desta cidade francesa, situado no Camiño de Santiago, feito que influíu para que o culto a este santo se espallase e chegase a Braga, que daquela pertencía ao reino de Galicia. É patrón de Cluny e de Aurillac.
San Xiraldo de Braga (séculos XI-XII), natural da Gascuña (Francia), foi arcebispo de Braga, que daquela era do reino de Galicia. No ano 1100 viaxou a Roma para reafirmar a dignidade metropolitana de Galicia para a súa diocese —única desde os inicios da cristianización— ameazada por unha Compostela cada vez máis poderosa, que en 1095 obtivera do papa exencións con respecto a Braga. No ano 1101 é nomeado Diego Xelmírez bispo de Santiago e as súas ansias de engrandecemento da súa diocese van chocar coa desconfianza da sé bracarense; iso acabará sendo un dos motivos da secesión do Condado Portucalense do resto de Galicia e do nacemento do reino de Portugal anos despois. Unha das causas do enfrontamento fora o chamado “pío latrocinio”: en 1102 Xelmírez fora a Braga en visita pastoral e Xiraldo recibiuno amigablemente, pero Xelmírez, traizoando a súa confianza, levou consigo, roubadas, as reliquias de catro santos: Covade, Froitoso, Silvestre e Susana. São Geraldo morrería en 1108 e está sepultado na capela do seu nome na catedral de Braga, pero as disputas entre as dúas sés episcopais continuarían, de tal xeito que se acabará dando a curiosa circunstancia de que seguirían dependendo da arquidiocese de Braga —xa no Portugal independente— as catedrais galegas de Tui, Ourense, Lugo e Mondoñedo (ademais das do Porto, Coímbra, Lamego e Viseu), e á galega Compostela outorgaríaselle xurisdición sobre Lisboa, Évora, Idanha e A Guarda, xunto con Salamanca e Mérida.
Chamáronse así
Tamén do século XII é o mestre Xiraldo, talvez de orixe francesa. Formaba parte do círculo de confianza do daquela bispo de Santiago Diego Xelmírez, e, por encargo deste, viaxou a Roma en 1118 para solicitar do papa a concesión de sé arcebispal para a mitra compostelá, que se obtivo en 1120. Ademais, foi el o encargado da redacción da segunda parte da Historia Compostelá, que narra os feitos históricos do episcopado xelmiriano.
Giraldus Cambrensis (c.1146 - c.1223), tamén coñecido como Geralt Gymro en galés e Gerald de Barri en inglés, foi un crego e historiador medieval galés; a súa tumba atópase na catedral de St Davids, no extremo suroeste do País de Gales.
Giraut de Bornelh (1138-1215) foi un trobador provenzal moi nomeado, coñecido como “mestre de trobadores”, do que se conservan oitenta composicións en lingua occitana.
Antônio Geraldo da Cunha (1924-1999), lexicógrafo brasileiro.
Gerald Ford (1913-2006), presidente dos Estados Unidos de América de 1974 a 1977.
Gerald Edelman (1929-2014), premio Nobel de Medicina (1972).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Gerard | |
Español | Gerardo | |
Éuscaro | Gerardo | |
Francés | Gérard | |
Inglés | Gerard | |
Gerald |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]