Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Valentín, Valentina
Nome cristián
Pronuncia
Valentín:
Valentina:
Véxase Valente
Variantes
Masculinas Valentino
Hipocorísticos
Másculinos Neco, Vitín
Femininos Tina
Etimoloxía e historia
Do latín Valentinus, derivado de Valens (Valente). Como nome persoal aparece só en época cristiá. Valentín é unha forma culta; o nome patrimonial consérvase no topónimo e antropónimo Ventín.
Motivación
San Valentín foi un clérigo romano decapitado durante o goberno do emperador Claudio contra o ano 268. A súa basílica atópase na Via Flaminia de Roma e é moi visitada polos namorados, xa que é o seu patrón. Este costume, relativamente serodio en Galicia, onde entrou por vía comercial, pode ser debido tamén a que por volta da súa festa onomástica (14 de febreiro) polo norte de Europa empezan a emparellarse as aves. Hai tamén unha santa Valentina, virxe e mártir de Cesarea de Palestina no ano 308.
Chamáronse así
Utilizou este nome como pseudónimo Rodolfo Pietro Guglielmi (1895-1926), ‘Rodolfo Valentino’, actor estadounidense de orixe italiana, e, na forma feminina, a rusa Valentina V. Tereshkova (1939), a primeira muller astronauta da historia, que estivo no espazo do 16 ao 19 de xuño de 1963.
En Galicia, os xornalistas e escritores Valentín Lamas Carvajal (1849-1906) e Valentín Paz-Andrade (1899-1987), honrados coa Día das Letras Galegas dos anos 1972 e 2012, respectivamente; e o escritor e tradutor Valentín Arias López (1934-2011), pai da poeta Xela Arias.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Valentin | Valentine |
Catalán | Valentí | Valentina |
Español | Valentín | Valentina |
Éuscaro | Valentin | Valentina |
Balentin | Balentina | |
Balendin | Balendiñe | |
Francés | Valentin | Valentine |
Inglés | Valentine | Valentine |
Italiano | Valentino | Valentina |
Portugués | Valentim | Valentina |
Romanés | Valentin | |
Ruso | Valentin | Valentina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Valentín
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]