Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Rolán
masculino
Nome literario
Pronuncia
Rolán:
Véxase Orlando
Variantes
Masculinas Rolando
Etimoloxía e historia
Nome introducido por vía literaria na Idade Media galega, como o protagonista de historias épicas medievais, sobriño de Carlomagno.
Procede do francés Roland e este dun nome de orixe xermánica composto por hrod ‘gloria’ e land ‘país’.
Motivación
Rolán é un personaxe lendario do reino medieval dos francos, mitificado polos libros de cabalerías. Segundo estas lendas foi un dos paladíns de Carlomagno que morreu no desfiladeiro de Roncesvales cando volvía dunha expedición contra os mouros da Península (en realidade, a batalla seica fora contra os vascóns). Venerárono os peregrinos a Santiago na igrexa de Blaye, onde se pensaba que estaba o seu sartego. A súa sona procede da Chanson de Roland (1100), que inspirou múltiples versións e reelaboracións latinas, francesas, castelás, alemás e tamén galegas. Como anécdota, nesta obra acúsase un personaxe de amar o asasinato e a traizón “máis ca todo o ouro de Galicia”, o que indica a alta consideración que para os francos tiña daquela a riqueza e o prestixio deste reino.
Nalgunha comarca da Galicia oriental, particularmente en Valdeorras, conservábase a lenda de “Don Rolán e as tres princesas”, na cal se conta que Rolán viñera co seu exército de francos axudar o rei galego Afonso II a loitar contra os mouros, que invadiran o val do Sil; os mouros retirábanse do territorio levando cativas tres princesas, e os cristiáns non podían rescatalas porque aquela zona do río era moi fragosa. Pero Rolán, montado a cabalo, buscou un lugar para pasar á outra beira, picou esporas e o seu cabalo pegou un brinco portentoso e foi caer diante dos musulmáns, que fuxiron co medo. Como non puideron levar as princesas, un dos seus meigos deixounas convertidas en pedras. Desde aquela permanecen neste lugar tres grandes penedos de cuarzo branco espetados no chan, e noutra laxa quedaron gravadas as pegadas do cabalo de Rolán.
O nome tivo certa vixencia en Galicia ata ben entrado o século XVI, sobre todo nas clases altas, como se documenta nun sínodo de Ourense de 1544: desde o bispado ourensán recomendábaselles aos cregos oficiantes de bautismos que non admitisen nomes non cristiáns como Heitor e Rolán “que habeis acostumbrado a le poner”, senón os dos santos e santas no ceo, que lles podían servir de avogados.
Chamáronse así
Roland Garros foi un aviador francés da primeira guerra mundial que deu nome a un dos máis famosos torneos de tenis do mundo.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Roland | |
Catalán | Roland | |
Español | Roldán | |
Rolando | ||
Éuscaro | Errolan | |
Francés | Roland | |
Holandés | Roeland | |
Inglés | Rowland | |
Roland | ||
Italiano | Orlando | |
Rolando | ||
Portugués | Rolando | |
Rolão | ||
Romanés | Roland |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]