Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Prisciliano
masculino
Personaxe histórico
Véxase Priscila
Etimoloxía e historia
Do latín Priscillianus, patronímico de Priscillus. Significa 'da familia de Priscilo ou de Priscila'.
Motivación
O reformador relixioso Prisciliano (c. 340-385) foi considerado durante séculos herexe pola ortodoxia católica. Non se coñece o seu lugar de nacemento, pero considérase que era galaico, dado que as súas doutrinas prenderon con forza na provincia romana da Gallaecia. Castelao sitúao encabezando a súa Alba de Gloria (1948), a procesión dos inmortais galegos. Prisciliano caracterizouse polo rigorismo ascético e axiña conseguiu moitos seguidores, maiormente xente culta e, particularmente, moitas mulleres; tamén algúns bispos. Atopou contradicións entre o Antigo e o Novo Testamento e quitoulles valor á tradición e á xerarquía eclesiástica. Foi bispo de Ávila, pero outros bispos hispanos denunciárono por herexía. Viaxou a Roma para xustificarse, pero o papa —san Dámaso, talvez tamén galaico— non o recibiu, nin tampouco santo Ambrosio en Milán. Ao final apela ao emperador Máximo —así mesmo, de posible orixe galaica—, pero este xúlgao e condénao a morte en Tréveris (Alemaña), en contra da opinión de san Martiño de Tours. Decapitárono nesta cidade e o seu cadáver foi traído polos seus seguidores á Gallaecia e enterrado nalgún lugar descoñecido; uns aventuran Santa Baia de Bóveda, outros Compostela. Dun xeito ou doutro, as doutrinas priscilianistas tiveron moito éxito na Gallaecia e non puideron ser erradicadas ata polo menos dous séculos despois da súa morte, xa durante o reino suevo galaico: para iso veu desde Constantinopla o despois chamado san Martiño de Dumio ou de Braga.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Priscillianous | |
Catalán | Prisciŀlià | |
Español | Prisciliano | |
Francés | Priscillien | |
Inglés | Priscillian | |
Italiano | Priscilliano | |
Portugués | Prisciliano |
Antes e despois de Prisciliano
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]