Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Paio
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Paio:
Véxase Pelaxio
Etimoloxía e historia
Do latín Pelagius, do grego Pelágios 'mariño, home de mar', derivado de pélagos 'mar'. De Paio proceden os apelidos galegos Páez, Pais e Paz 'fillo de Paio'.
Motivación
San Paio (século X) foi un santo galego nado en Albeos (Crecente). Fálase del nun relato (Paixón de san Paio) composto na Córdoba musulmá por un mozárabe contra o ano 967. Cando tiña dez anos levárono preso como refén a Córdoba para trocalo polo seu tío o bispo Hermoixio de Tui, e martirizárono tres anos despois (925) ao parecer por non acceder aos desexos sexuais de Abderramán III. As súas reliquias leváronas tempo despois a Asturias. O seu tío fixo construír en Albeos un mosteiro de bieitas na súa honra. No século XII adoptouno como patrón o mosteiro de Antealtares, un dos máis poderosos de Santiago de Compostela. É o máis popular dos santos naturais de Galicia, con corenta parroquias, e o único galego que hoxe figura no calendario litúrxico de España.
Na historia tradicional española fálase de don Pelayo (forma castelá de Paio) un suposto notable visigodo refuxiado nas montañas de Asturias, que vencería nun lugar chamado Covadonga un exército musulmán na terceira década do século VIII. Esta batalla, non documentada nin por cristiáns nin por musulmáns, sería considerada pola historiografía tradicional o inicio da “reconquista” cristiá do territorio ocupado polos musulmáns do sur peninsular.
Paio era tamén o nome do ermitán iriense que descubriu no século IX o sepulcro de Santiago en Compostela.
Chamáronse así
Na literatura e na historia galegas medievais, Paio Gómez Chariño, señor de Rianxo, foi un notable trobador e almirante do mar que tivo unha destacada actuación na conquista de Sevilla, na campaña de Fernando III (1247-1248).
Outros trobadores galegos medievais levaron este nome, como Pai da Cana e Pai Soares de Taveirós, os dous do século XIII.
Paio Soutelo é o protagonista na novela Os camiños da vida (1928), de Ramón Otero Pedrayo.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Pelagius | |
Catalán | Pelagi | |
Pelai | ||
Español | Pelayo | |
Éuscaro | Pelaio | |
Pelagio | ||
Francés | Pélage | |
Portugués | Pelaio | |
Paio | ||
Romanés | Pelaghie | |
Ruso | Pelaghei |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]