Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Munio, Munia
Etimoloxía e historia
Nome de etimoloxía pouco clara, tivo certa difusión na Idade Media ata o século XIII baixo distintas formas: Munnio, Munio, Monio, Monia, Munia etc. As distintas explicacións propostas (do grego, do latín, do árabe, do vasco) non son convincentes. Como os testemuños máis antigos son hispánicos (na área noroccidental, polo menos desde o século VIII ), parece que se debe propoñer unha orixe prerromana, en todo caso de difícil identificación.
Deste nome proceden os apelidos Muñiz e Muñoz.
Motivación
Munio e Munia eran nomes bastante habituais na Galicia medieval: así se chamaba un irmán de san Rosendo (século X), que tivo un fillo do mesmo nome que foi bispo de Mondoñedo. Tamén se chamaban así dous dos condes de Coímbra, que daquela era do reino de Galicia: Munio Guterres (século X) e Munio Gonçalves (século XI). Chamábase Munia a esposa do rei ástur-galaico Ordoño I (século IX).
Munio Afonso (séculos XI-XII) foi o primeiro redactor da monumental Historia Compostellana ‘Historia Compostelá’, iniciada en 1109 por encargo de Diego Xelmírez, que narra os feitos acontecidos durante o mandato do primeiro arcebispo de Compostela. Atribúeselle a el o núcleo fundamental: do capítulo 4 ao 45 do libro I. Non sobra engadir que nesta obra, escrita en latín como era habitual na altura, se rexistran certas informacións que proban a existencia do idioma galego como lingua diferenciada, en expresións como “Galleco vocabulo”, por exemplo. Munio Afonso viaxou polo menos tres veces a Roma para interceder pola sé compostelá. Despois sería nomeado, en 1112, bispo de Mondoñedo.
Segundo a tradición, houbo tamén un san Munio de Veiga (concello da Bola).
Entre as lendas novelescas galegas figura a de Munia e Bernaldo, servidores do castelo da Chancela, en Logrosa (Negreira).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Muni | Múnia |
Español | Munio | Munia |
Éuscaro | Munio | Munia |
Portugués | Múnio | Múnia |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]