Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Luísa, Lois
Personaxe histórico
Pronuncia
Luísa:
Lois:
Variantes
Masculinas Luís
Hipocorísticos
Másculinos Lucho, Xelís (de Xosé Luís)
Femininos Sisa, Marisa (de María Luísa)
Etimoloxía e historia
Dun nome franco que chegou á península por vía occitana ou francesa. Procede dun orixinario Hlodwig ou Hlodowig, composto de hlod 'gloria' e o gótico *weig 'loita, batalla', latinizado como Clodovicus ou Ludovicus. Na Galicia medieval atéstanse tanto Lois como Luis, posiblemente acentuados na segunda sílaba. A forma Lois, na cal houbo un desprazamento acentual, é un dos nomes que subsistiu como apelido.
Motivación
Na monarquía francesa houbo moitos reis con este nome. Na Idade Media o máis coñecido foi Lois IX (1214-1270), san Lois, que polo seu ardor relixioso organizou a sexta cruzada contra o Islam, na cal fracasou, pero aínda así emprendeu a sétima; morreu pola peste en Tunisia e canonizaríao Bonifacio VIII decontado, en 1297, para asegurar a paz con Filipe IV de Francia. Dos dezaoito reis franceses que o levaron, os máis coñecidos foron Lois XIII (1601-1643), Lois XIV o ‘Rei Sol’ (1638-1715) —o monarca absoluto por excelencia—, e Lois XVI (1754-1793), guillotinado en París polos revolucionarios. No trono de España só o levou un, Lois I de Borbón, fillo de Filipe V, en 1724, que reinou seis meses.
Tamén o levaron outros reis europeos (da Xermania, Baviera, Hungría, Sicilia, Portugal etc.). O derradeiro rei de Baviera, Lois II ‘o rei Tolo’, pasou á historia, entre outras excentricidades, por mandar construír entre 1869 e 1886 un custoso castelo neomedieval nos Alpes bávaros, concibido como un escenario para as óperas de Wagner; arruinou o seu reino con esta obra.
Chamáronse así
Foron moitos os galegos destacados así chamados, entre eles os seguintes: Luís Porteiro Garea (1889-1918), xurista, cofundador das Irmandades da Fala; Luís Amado Carballo (1901-1927), poeta, Días das Letras 1992; Luís Caruncho (1929-2006), pintor; Luís Pimentel (1895-1958), poeta e médico, Día das Letras Galegas en 1990; Luís Tobío Fernández (1906-2003), escritor e político; Luís Seoane (1910-1979), pintor e escritor, Día das Letras Galegas de 1994; Lois Pereiro (1958-1996), poeta, Día das Letras Galegas de 2011.
Así mesmo, Luis Suárez Miramontes (A Coruña 1935 - Milán 2023), o único futbolista masculino de España gañador dun Balón de Ouro, considerado en 1960 o mellor xogador europeo.
Coa forma feminina do nome salientamos a Luísa Villalta Gómez (1957-2004), escritora en galego e violinista, homenaxeada co Día das Letras Galegas 2024. Luisa Viqueira Landa (1918-2014), bióloga e activista e Luísa Crestar Díaz (1908-1988), bibliófila e poeta.
Músicos como o alemán Ludwig van Beethoven (1770-1827) e o estadounidense Louis Armstrong (1901-1971); escritores como o portugués Luís Vaz de Camões (1524-1580) e o italiano Luigi Pirandello (1867-1936); o biólogo francés Louis Pasteur (1822-1895) e o cineasta español Luis Buñuel (1900-1983), entre outros moitos.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Alois | |
Aolisius | ||
Ludwig | Luise | |
Bretón | Loig | |
Loic | Loïca | |
Loeiz | Loeiza | |
Catalán | Lluís | Lluïsa |
Español | Aloisa | |
Luis | Luisa | |
Éuscaro | Aloise | |
Luis | Luisa | |
Koldobika | Koldobiñe | |
Koldo | Koldobike | |
Francés | Louis | Louise |
Holandés | Lodewijk | |
Húngaro | Lajos | |
Inglés | Louis | Louise |
Lewis | ||
Italiano | Aloisio | Luisa |
Ludovico | ||
Luigi | Luigia | |
Portugués | Luís | Luísa |
Romanés | Ludovic | |
Ruso | Liuvig | Luiza |
Liudovik |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]