Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Leire
feminino
Nome toponímico
Etimoloxía e historia
De orixe toponímica, a partir do nome dunha serra navarra, nas estribacións pirenaicas. Localízase alí o mosteiro de San Salvador de Leire, obra cimeira do románico navarro, que foi corte e residencia dos reis de Navarra. O nome é de orixe incerta, quizais vasca, a partir da voz lehior ‘refuxio, alpendre’.
Motivación
O motivo inicial para a imposición deste nome a mulleres en Navarra non tivo unha orixe relixiosa senón toponímica: a existencia da serra de Leire, onde se asenta o mosteiro bieito de San Salvador de Leire.
Talvez co aquel de lle dar un revestimento cristián ao nome, a mediados da década de 1970 os monxes desta abadía introduciron na igrexa unha imaxe da Virxe co neno Xesús no colo, de aparencia románica, que denominan santa María de Leire e que festexan o 9 de xullo, pero a igrexa nunca estivo baixo a advocación da Virxe.
O mosteiro atópase no Camiño aragonés de Santiago, o que explica que aquí tamén se conte unha antiga lenda, atribuída ao abade Virila (século X), case idéntica á galega do santo Ero da Armenteira: preocupado polo misterio da eternidade, Virila púxose a matinar e quedou ensimesmado escoitando o canto dun reiseñor, e, cando quixo volver ao interior do convento, xa non o coñecía ninguén pois xa pasaran 300 anos.
Neste mosteiro tamén se gardan nunha urna os restos dos primeiros reis de Navarra, trasladados á igrexa en 1915.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Español | Leire | |
Leyre | ||
Éuscaro | Leire |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]