Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
León
masculino
Nome cristián
Etimoloxía e historia
Do nome persoal latino Leo, Leonis, tomado do nome común leo, leonis 'león'. Entre os pobos primitivos críase que determinado clan ou familia tiña como proxenitor un animal, que se convertía no seu espírito protector (trátase, polo tanto, dun nome totémico).
Motivación
Houbo trece papas que adoptaron este nome. O primeiro deles, León I o Magno (século V), que salvou Roma dúas veces: dos hunos de Átila (c. 450) e dos vándalos de Xenserico (455). Algúns destes papas foron canonizados: León II (século VII), León III (séculos VIII-IX) —que foi quen coroou a Carlomagno—, León IV (século IX) e León IX (século XI), que non foi quen de evitar o cisma de Oriente do patriarca de Constantinopla (ano 1054).
O último dos que adoptaron este nome foi León XIII (1878-1903), que promulgou a encíclica Rerum novarum (1891), onde por primeira vez se expón a doutrina social da Igrexa verbo das relacións entre patróns e obreiros.
Chamáronse así
O novelista ruso Lev N. Tolstoi (1828-1910) e o dirixente revolucionario ruso Lev D. Bronstein, coñecido como Lev Trotski (1879-1940).
O barón Lev de Rožmitál (en checo Lev z Rožmitálu) realizou entre 1465 e 1467, desde a súa Bohemia natal e por encargo do rei checo, unha misión de paz que chegou a Santiago de Compostela e a Fisterra, os confíns da Europa occidental. O seu nome atópase entre os peregrinos ilustres no monumento denominado Porta Itineris Sancti Iacobi de Santiago. En memoria desta misión, o embaixador da República Checa descubriu en 2009 unha placa conmemorativa na súa honra no cabo de Fisterra. O escritor checo Alois Jirasek (1851-1930) recreou esta viaxe nun famoso libro que en 2010 se traduciu ó galego co título Desde Bohemia ata a fin do mundo.
León Felipe foi o nome literario que adoptou, desde 1919, o poeta zamorano Felipe Camino Galicia de la Rosa (1884-1968).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Leo | |
Catalán | Lleó | |
Español | León | |
Éuscaro | Leon | |
Lon | ||
Francés | Léon | |
Inglés | Leo | |
Italiano | Leone | |
Leo | ||
Portugués | Leão | |
Romanés | Leon | |
Ruso | Lev |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]