Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Isaac
masculino
Nome bíblico
Pronuncia
Isaac:
Variantes
Masculinas Isaque
Etimoloxía e historia
Nome tomado do latín eclesiástico Isaac e do grego bíblico Isaak que, á súa vez, o toman do hebreo Yizhaq, do verbo zahaq 'rir'. A lenda di que Sara, a súa nai nonaxenaria, riu incredulamente cando Abrahán, centenario, lle anunciou o próximo nacemento dun fillo. Hoxe interprétase máis ben como un nome augural: 'Deus ha de sorrir', 'que Deus poida sorrir', 'El ri'.
Motivación
Isaac (c. 1800-1700 a. C.) foi o segundo dos patriarcas do pobo hebreo, fillo de Abrahán e de Sara, cando xa eran case centenarios. Segundo o relato bíblico, sendo Isaac un mociño, Iavé ordenoulle a Abrahán que llo ofrecese en sacrificio, e, cando este xa tiña o coitelo ergueito para cumprir o desexo divino, un anxo do Señor detivo a súa man e deixoulle un año no seu lugar. O sacrificio de Isaac, que sería moi representado na arte, é semellante ao da Ifixenia helena. Isaac casaría con Rebeca e foi pai de dous xemelgos: Esaú e Xacob.
No cristianismo hai un santo Isaac, o Dálmata (século IV), e outro do século IX en Córdoba.
Chamáronse así
O físico inglés Isaac Newton (1643-1727), o compositor español Isaac Albéniz (1860-1909) e o artista e empresario galego Isaac Díaz Pardo (1920-2012).
Isaac Fraga (1888-1982), produtor e empresario cinematográfico galego, un dos primeiros exhibidores cinematográficos ambulantes que percorreron a xeografía galega.
Isaac Peral (1861-1895), mariño español, inventor do submarino, o primeiro da historia.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Isaak | |
Catalán | Isaac | |
Español | Isaac | |
Éuscaro | Isaak | |
Ixaka | ||
Francés | Isaac | |
Inglés | Isaac | |
Italiano | Isacco | |
Portugués | Isaque | |
Isaac | ||
Romanés | Isac | |
Ruso | Isaak |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]