No Pedregal de Irimia (concello de Meira) celebrouse a Primeira Romaxe de Crentes Galegos o 16 de setembro de 1978. O lema que se escollera para ela fora Eu renazo galego, en clara alusión á que a Igrexa galega deixase de ser allea a Galicia e tomase a firme determinación de galeguizarse, empezando por usar o idioma galego nos actos litúrxicos. O teólogo e escritor Xosé Chao Rego fora un dos seus máximos impulsores. Desde entón todos os segundos sábados de setembro se vén festexando esta romaxe en lugares senlleiros do territorio galego. Irimia deu nome a unha asociación cristiá galega e a unha revista quincenal. A primeira muller que levou deste nome bautizouse no propio Pedregal o 19 de setembro de 1979.