Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Iria
feminino
Nome toponímico
Pronuncia
Iria:
Etimoloxía e historia
Nome feminino tomado do nome da antiga sé da diocese compostelá, situada no actual concello de Padrón. É un topónimo prerromano de significado escuro. Ningunha das hipóteses etimolóxicas propostas ata o momento (do grego, vasco, precéltico…) son satisfactorias. Desde as últimas décadas do século XX Iria converteuse nun dos máis frecuentes nomes distintivos galegos para mulleres e expandiuse por todo o Estado español.
Motivación
No imperio romano Iria era unha antiga cidade galaica do convento xurídico lucense, situada na vía per loca marítima (‘a máis próxima á costa’) de Braccara (Braga) a Asturica (Astorga). No ano 74, baixo o mandato de Vespasiano, transformouse en municipium e tomou o nome de Iria Flavia, en honra á familia do emperador.
Foi sé episcopal sufragánea de Braga no Baixo imperio romano, no reino suevo da Gallaecia (409-585) e tamén coa incorporación deste ao reino visigodo a partir do ano 585.
Segundo o cóengo e historiador Antonio López Ferreiro, Iria tivo 28 bispos santos. O bispo iriense Teodemiro foi quen identificou como sepulcro de Santiago o achado nunha necrópole de Compostela a principios do século IX. Segundo o lendario relato xacobeo, tras a decapitación do apóstolo Santiago en Palestina (século I), unha barca de pedra sen remos nin velas trasladou milagrosamente por augas do Mediterráneo e do Atlántico o corpo de Santiago a Galicia, acompañado por sete discípulos; o desembarco tería lugar en Iria, o porto da translatio, actualmente no concello de Padrón.
O descubrimento da tumba apostólica fixo que douscentos anos despois se trasladase a sé episcopal de Iria a Compostela, no ano 1095, durante o reinado do monarca ástur-galego Afonso II o Casto.
Chamáronse así
Malia ser considerado un nome feminino galego implantado na últimas décadas do século XX e nas primeiras do actual, o certo é que na documentación do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago aparecen algunhas mulleres con este nome que viviron nos séculos XVI e XVII, como Iria Gil Vallo, de 1558, ou Iria Rodríguez Taboada, de 1610.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]