Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
García
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Antigo nome prerromano de orixe descoñecida (quizais vasca), que despois se estendeu a todos os romances hispánicos. Algúns investigadores deducen a súa procedencia da forma vasca artz 'oso'. Moi frecuente na Idade Media como nome propio, despois habilitouse como apelido e actualmente é un dos máis frecuentes.
Motivación
Aínda que se fala dun rei García I —que gobernaría de 910 a 914—, este non foi nunca rei de Galicia e o que pasou á historia foi don García, que si o foi entre 1067 a 1071. Era o fillo máis novo do rei Fernando I de Galicia, León e Castela, o favorito de súa nai, a tamén raíña dona Sancha, que foi quen teimou para que recibise en herdanza o reino máis extenso e próspero, o de Galicia, que polo sur chegaba ata o río Mondego, coa cidade de Coimbra incluída. Mediante enganos traizoeiros, os seus irmáns despoxárono del: primeiro Sancho II de Castela e despois Alfonso VI de León, que o encerrou cargado de cadeas de por vida na torre de Luna (León). Á hora da súa morte (1090), García dispuxo que o enterrasen na basílica de Santo Isidoro de Léon —onde xa estaban os seus pais— e que para nada lle quitasen os ferrollos que tivera nos brazos e nas pernas durante os longos anos de cadea.
A triste historia de Don García inspirou escritores como o francés Victor Hugo (O reiciño de Galicia, 1859) ou o galego Darío Xohán Cabana (Morte de rei, 1996).
Tense afirmado —sobre todo a historiografía española (pero non só)— que foi o derradeiro (mesmo o único) rei de Galicia, pero non é certo, pois houbo non poucos monarcas galaicos anteriores a el, empezando polos suevos —que non tardaron en identificarse coa Gallaecia: o reino dos suevos era para Gregorio de Tours o Galliciense regnum— e continuando polos altomedievais da zona noroccidental da Península. Despois de don García, monarcas como Afonso VI, Afonso VII, Fernando II, Afonso VIII e outros continuaron titulándose Gallaecia rex ou regnante in Galletia.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Español | García | |
Portugués | Garcia |
Antes e despois de García
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]