Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Elvira
feminino
Nome cristián
Pronuncia
Elvira:
Hipocorísticos
Femininos Elva, Viruca, Virucha
Etimoloxía e historia
Antigo nome atestado na documentación galega desde o século IX, primeiro como Gilvira, Giloira, Geloyra, Gelovira, e despois xa, nos textos en galego, como Elvira. É de orixe xermánica e está composto por unha primeira raíz gótica *gails, relacionada con gailjian ‘alegrarse’ ou ‘lanza’, e unha segunda *wêrs ‘verdadeiro’.
Motivación
Houbo unha santa Elvira de Lisboa, cuxos restos mortais, xunto cos doutros santos, se atoparon nesta cidade en 1589. Non se sabe máis nada da súa vida.
Trátase dun nome de uso común na Alta Idade Media galega que levaron mulleres da nobreza, entre elas dúas raíñas co mesmo apelido: Elvira Méndez. A primeira, do século X, filla do poderoso conde Hermexildo Gotérrez, foi esposa de Ordoño II, rei privativo da Galicia nuclear. A segunda, que tamén procedía do poderoso clan galego dos Gotérrez, casou co rei Afonso V (999-1028) e xuntos promoveron en 1017 o Foro de León, o primeiro que se coñece do reino galaico-leonés, que fixou o dereito a herdar das mulleres. Así mesmo, tamén levou este nome a infanta Elvira Alfónsez (1079-1157), filla de Afonso VI, que foi condesa de Tolosa.
Dona Elvira e dona Sol é como se chamaban as fillas do cabaleiro castelán Rodrigo Díaz de Vivar (o Cide), segundo o Cantar; o que non se sabe é se foron personaxes reais ou literarios.
O nome difundiuse en Europa desde finais do século XVIII, a partir da estrea da ópera Don Giovanni (1787) con música de W. A. Mozart e libreto en italiano de Lorenzo da Ponte; chamábase Elvira a dama de Burgos abandonada polo nobre español Tenorio. José Zorrilla substituirá dona Elvira por dona Inés de Ulloa no seu drama Don Juan Tenorio de 1844. Tamén terán o nome de Elvira as heroínas das óperas L’italiana in Algeri (A italiana de Alxer, 1810), de G. Rossini; I puritani di Scozia (Os puritanos de Escocia, 1835), de V. Bellini e Ernani (1844), de G. Verdi. Así mesmo, o nome tamén aparece en obras literarias de escritores como Espronceda e Baudelaire (século XIX).
Chamáronse así
Elvira Bao (1890-1971), mestra e militante galeguista. Elvira Novo (finada en 1931), mestra e activista cultural.
Elvira Santiso García (1872-1961), pintora e docente na Escola da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Elvira | |
Español | Elvira | |
Éuscaro | Albira | |
Elbire | ||
Elbira | ||
Francés | Elvire | |
Inglés | Elvira | |
Italiano | Elvira | |
Portugués | Elvira | |
Romanés | Elvira |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]