Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Amaia
feminino
Nome literario
Pronuncia
Amaia:
Etimoloxía e historia
Nome vasco que significa 'fin, final', presente na toponimia.
Por outro lado, Amaia tamén corresponde, segundo o autor Edelmiro Bascuas, á forma antiga do nome A Maía, comarca próxima a Santiago. Aparece documentado en textos altomedievais galegos como Amaea (desde o séc. XI), Amaia (desde o IX) e relaciónase co topónimo português A Maia e o burgalés Amaya, con cambio de acentuación. Todas estas formas terían orixe última na raíz indoeuropea *am- ‘leito do río, canle’.
Motivación
O nome difundiuse fóra do País Vasco pola novela de Francisco Navarro Villoslada Amaya o los vascos en el siglo VIII (1877), obra épica de aventuras e lendas en que se salienta o protagonismo dos vascos cando se difunde definitivamente o cristianismo. Amaia foi a última pagá e é a personaxe principal da novela.
En 1920 estreouse unha ópera de Jesús Guridico mesmo título, e inspirou un filme de Luís Marquina estreado en 1952.
A microcomarca de Amaía —hoxe A Maía— está ligada á lenda da inventio (achado) do corpo do apóstolo Santiago e, polo tanto, ao inicio do seu culto e ao nacemento da cidade de Santiago de Compostela. Segundo esta lenda, a principios do século IX, en tempos do rei Afonso II o Casto de Galicia e Asturias, un ermitán chamado Paio descubriu, no extremo oriental do commisso de Amaea, unhas luminarias nunha antiga necrópole abandonada entre o mato á beira das ruínas dun castro. Notificado destes prodixios Teodomiro, bispo de Iria, acudiu persoalmente ao lugar e, despois de tres días de xaxún, introduciuse na maleza e descubriu unha cámara sepulcral cun pequeno templete recuberto de mármores que identificou decontado como o túmulo funerario do apóstolo Santiago. O achado do sartego apostólico relátase deste xeito nun documento en latín do ano 1017 transcrito polo historiador e cóengo compostelán Antonio López Ferreiro: cuius corpus manet tumulatum sub arcis marmoricis provincia Gallecie in finibus Amaee (“cuxo corpo xace sepultado nunha arca de mármore no territorio de Galicia nos lindes da Amaía”).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Español | Amaya | |
Éuscaro | Amaia |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]