Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Amalia, Amalio
Nome cristián
Pronuncia
Amalia:
Véxase Amelia
Hipocorísticos
Femininos Lucha, Malucha, Maluca
Etimoloxía e historia
Nome de introdución recente e orixe etimolóxica discutida, quizais dunha raíz xermánica (amal ‘valente’) ou escandinava (aml ‘traballo’). Difundiuse probablemente a partir do italiano. Ten a mesma orixe que Amelia.
Motivación
Santa Amalia de Gante (século VIII) —tamén chamada Amalberga (e mesmo Amelia)— era sobriña de Pipino I o Vello ou Pipino de Landen (na actual Bélxica), mordomo de reis merovinxios e fundador da dinastía pipínida-carolinxia. Segundo a lenda, Carlos Martel pedira a súa man e tanto insistiu o pretendente que lle acabou dislocando un brazo. Ela rexeitouno e casou co conde Witger, e foi nai de santa Gúdula e de santa Reinalda. Ao enviuvar dedicouse á vida relixiosa e realizou milagres, como o de librar a Flandres de bandadas de gansos salvaxes que destruían as colleitas. É padroeira dos homes do mar e evócase para a curación das luxacións dos membros.
De santo Amalio tense dito que foi arcebispo de Sens (Borgoña-Franco Condado) no século VII, pero nin sequera nesta cidade francesa se lle dispensa culto. Talvez non existise ningún santo que o levase e o nome posiblemente sexa unha simple adaptación masculina do nome feminino.
Chamáronse así
Princesas reais como Amalia Augusta de Baviera (1801-1877) e Amalia de Borbón (1834-1905), infanta de España. Tamén levou este nome a fadista portuguesa Amália Rodrigues (1920-1999).
Pedro Amalio López (1929-2007) foi un dos realizadores pioneiros de televisión en España.
Amalia de la Rúa Figueroa-Somoza (1830-1915), nai de Emilia Pardo Bazán.
Amalia Álvarez Gallego, filla de Xerardo Álvarez Limeses e esposa de Alexandre Bóveda.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Amalia | |
Catalán | Amàlia | |
Español | Amalia | |
Italiano | Amalia | |
Portugués | Amália | |
Romanés | Amalia |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]