Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Támara
feminino
Nome toponímico
Pronuncia
Támara:
Véxase Tamara
Etimoloxía e historia
Nome reconstruído en feminino a partir o étimo do río Tambre, que aparecía en textos latinos como Tamare (con acento na primeira sílaba). É de orixe prerromana e escura, quizais celta. Comparte o sufixo con outros topónimos esdrúxulos en -ara, como Braccara (hoxe Braga), Láncara, Tállara, Lózara e con nomes común como gándara, *senara (hoxe senra/seara). É un nome de río convertido en antropónimo como Ulla ou como en inglés Jordan ou italiano Giordano. Non debe confundirse este nome con Tamara.
Motivación
O condado medieval de Trastámara (Trans Tameris ‘máis alá do [río] Tambre’) fai alusión ás terras que quedan entre o río Tambre e o mar. Un condado de orixe claramente galega. Fernando Ruíz de Castro (século XIV), conde de Trastámara e Lemos, encabezou en Galicia a defensa os dereitos hereditarios de Pedro I de Castela fronte ao seu medio irmán Henrique. A pesar da morte de Pedro en 1369, don Fernando resistirá en Lugo ata que en 1371 será derrotado polas tropas de Henrique, que mesmo se apropiaría do título condal galego para a súa dinastía: será coñecido como Henrique II de Trastámara. Posteriormente, Xoán II de Castela concederá en 1445 o título de conde de Trastámara a Pedro Álvarez Osorio con carácter hereditario.
O conxunto musical Los Tamara, formado en Noia en 1958, tomou este nome porque un dos seus fundadores lembraba que no instituto noiés onde estudara aparecía o nome en latín do río Tambre (Támara) nun mapa antigo de Galicia. Como no mapa non aparecía acentuada na primeira sílaba, o nome do conxunto pronunciaríase como palabra grave.
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]