Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Tareixa
feminino
Personaxe histórico
Pronuncia
Tareixa:
Variantes
Femininas Tereixa
Hipocorísticos
Femininos Teruca, Tete, Teté
Etimoloxía e historia
Tradicionalmente facíase proceder este nome dunha orixe grega: do nome Tarasios, Tarasía, relacionado co do mítico adiviño Tiresias, ou de certos topónimos, como o nome da illa exea Thera ou Therasia (hoxe Santorino). Non obstante, esta procedencia é moi improbable porque este nome feminino tivo unha gran difusión no norte da Península Ibérica desde épocas moi recuadas. Documéntase desde o século IV (foi a muller de san Paulino de Nola) e desde aquela difundiuse por causa do uso repetido entre raíñas da dinastía galega-asturleonesa; encontrámolo moi testemuñado como Tareija ou Tereija na documentación medieval galega. Trátase, pois, dun nome hispánico, quizais de orixe céltica, en relación cun topónimo Tereses atestado por Plinio.
Motivación
Tareixa Afónsez (c. 1080 mosteiro de Montederramo - 1130 Póvoa de Lanhoso) era filla bastarda do rei Afonso VI de León, Galicia e Castela. No ano 1093 o seu pai casouna co cruzado francés Henrique de Borgoña e concedeulles o goberno do Condado Portucalense, un territorio comprendido entre os ríos Miño e Texo que daquela formaba parte do reino de Galicia. Tiveron varios fillos; un deles, Afonso Henriques, o futuro primeiro rei de Portugal. Á morte de Henrique, en 1112, Tareixa tomou o mando do condado e aliouse co poderoso conde galego Fernán Pérez de Traba, que abandonou a súa lexítima esposa para vivir en adulterio con Tareixa. Un e outro pretendían gobernar tamén o territorio do norte do Miño e manter unido todo o reino de Galicia, coa esperanza de se proclamaren os seus reis nun futuro próximo. Mais a alianza co Traba puxo contra a condesa o seu propio fillo Afonso Henriques e unha cada vez máis ambiciosa nobreza mediana portucalense. Nai e fillo entraron en guerra aberta, que se resolverá militarmente na batalla de San Mamede (1128), preto de Guimarães, coa derrota da condesa. Tareixa e Fernán foxen para a Galicia do norte do Miño, e Afonso Henriques —“o pérfido galego” das crónicas árabes andalusís— converterá anos despois o Condado Portucalense, segregado da Galicia histórica, no reino de Portugal, do que el será o primeiro soberano.
A condesa Tareixa Afónsez tivo de Fernán Pérez de Traba dúas fillas: Tareixa e Sancha Fernández de Traba; a primeira converteríase en 1178 na segunda esposa do rei Fernando II de Galicia e León.
A popularidade do nome en España acrecentaríase a partir do século XVI con santa Teresa de Ávila (1515-1582), monxa mística que escribiu libros ascéticos de gran valor literario. Por outra parte, a emperatriz María Tareixa I de Austria (1717-1780) foi a única muller que gobernou sobre os extensos dominios dos Habsburgo.
Chamáronse así
Teresa Herrera (1712-1791), filántropa fundadora do primeiro hospital da Coruña (1791); leva o seu nome un famoso trofeo futbolístico de carácter benéfico que se disputa na Coruña desde 1946. Teresa Chao Maciñeira (1893-1956), activista galega ligada ás Irmandades da Fala. Teresa Alonso Parada (1912-1993), pianista e musicóloga nacida en Salvaterra do Miño.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Resi (hip.) | |
Rese (hip.) | ||
Theresia | ||
Therese | ||
Bretón | Tereza | |
Catalán | Teresa | |
Español | Teresa | |
Éuscaro | Ataresa | |
Terese | ||
Teresa | ||
Taresa | ||
Francés | Thérèse | |
Inglés | Tess (hip.) | |
Tessa (hip.) | ||
Theresa | ||
Teresa | ||
Italiano | Teresa | |
Portugués | Teresa | |
Romanés | Tereza | |
Ruso | Tereza |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]