Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Sabela
feminino
Nome bíblico
Pronuncia
Sabela:
Variantes
Femininas Isabel
Hipocorísticos
Femininos Sabel, Beluca
Etimoloxía e historia
Procedente do nome hebraico Elixeba, muller de Arón e cuñada de Moisés, composto de el 'Deus' e xeba, que para uns significa 'xuramento', e para outros, 'sete', considerado o número perfecto. Na época xudeo-helenística, por contaminación do verbo xabat 'repousar', 'descansar', interprétase o seu significado como 'Deus é descanso'. O nome reaparece no Novo Testamento (a nai de Xoán o Bautista) coa forma grega Elisábet e a latina Elísabet. A forma Isabel foi unha innovación propiamente hispánica, que trocou o -et final en -el, por influencia doutros nomes hebreos que así rematan, e elidiu o el- inicial.
Motivación
No Novo Testamento, santa Sabela era a nai de san Xoán o Bautista e curmá de María; estaba casada co sacerdote Zacarías. Santa Sabela de Hungría (século XIII) era filla do rei deste país; admiradora de Francisco de Asís, dedicouse a socorrer os pobres e apestados e inspirou a Liszt e a Wagner. Santa Sabela de Portugal (século XIII) foi esposa do rei Don Dinís e, ao quedar viúva, meteuse freira de Santa Clara.
Isabel I de Castela (1451-1504) foi raíña de Castela de 1474 a 1504. Era irmá do rei Henrique IV, e, á morte deste usurpoulle o trono de Castela á súa sobriña Juana de Trastámara, a filla lexítima do rei, provocando unha guerra de sucesión. Sendo aínda princesa, en 1469 casara en secreto co tamén príncipe Fernando de Aragón. Isabel accede ao trono de Castela en 1474 e Fernando ao de Aragón en 1479, pero a unión das dúas coroas será unicamente un vínculo persoal e dinástico, pois non se fusionaron os territorios: cada unha das coroas mantivo as súas leis e institucións propias e diferenciadas. En 1496 o papa valenciano Alexandre VI outorgoulles aos dous monarcas o título de Reis Católicos, co que serán coñecidos pola Historia, debido sobre todo á unificación relixiosa dos seus reinos tras a conquista en 1492 do reino nazarí de Granada —último reduto musulmán — e a expulsión dos xudeus. En tempos recentes houbo intentos de gobernos españois de que o Vaticano canonizase a raíña Isabel, pero as protestas das comunidades xudías de todo o mundo paralizaron o proceso. Outro feito importante do reinado de Isabel foi a expedición de Colón na procura dunha ruta das Indias por occidente, que deu lugar ao descubrimento de América.
Isabel II de Borbón reinou en España de 1843 a 1868; o seu foi un reinado convulso, intervencionista, con escándalos de todo tipo; o pronunciamento de setembro de 1868 mandouna ao exilio.
Isabel I de Inglaterra e Irlanda, que reinou de 1588 a 1603, a chamada “raíña virxe”, marcou unha época na historia do seu país, pois no seu reinado Inglaterra afianzou o poderío naval e empezou a ser unha gran potencia europea. Isabel II do Reino Unido de Gran Bretaña, Irlanda do Norte e da Commonwealth, xefa da Igrexa Anglicana (1926-2022), coroada en 1953, desempeñou o seu cargo durante 70 anos; superou, polo tanto, os 64 do xa longo reinado da súa devanceira do século XIX, a raíña Vitoria.
Chamáronse así
En Galicia cómpre salientar a Isabel Barreto de Castro, que en 1595 se converteu na primeira muller almirante de frota da historia da navegación ao suceder no cargo o seu marido Álvaro de Mendaña; e tamén a Isabel Zendal Gómez, natural de Ordes, a primeira enfermeira da historia en misión internacional, pois en 1803 saíu da Coruña na corveta María Pita con vinte e dous nenos dun hospicio para levar a vacina contra a varíola aos territorios españois de Ultramar.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Sissy | |
Sisi | ||
Ilse | ||
Elsa | ||
Lisbeth | ||
Elsbeth | ||
Elly | ||
Elise | ||
Elisabeth | ||
Bretón | Izabell | |
Catalán | Elisabet | |
Isabel | ||
Español | Isabel | |
Éuscaro | Elisabet | |
Isabel | ||
Elixabete | ||
Elisabeth | ||
Francés | Babette (hip.) | |
Lise (hip.) | ||
Elise (hip.) | ||
Isabelle | ||
Elisabeth | ||
Húngaro | Erszébet | |
Inglés | Alice (hip.) | |
Lizzi (hip.) | ||
Bessie (hip.) | ||
Betty (hip.) | ||
Elizabeth | ||
Elisabeth | ||
Italiano | Bettina (hip.) | |
Isabella | ||
Elisabetta | ||
Polaco | Elżbieta | |
Portugués | Isabel | |
Romanés | Isabela | |
Elisabeta | ||
Ruso | Elisaveta |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]