Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Marcos
masculino
Nome cristián
Pronuncia
Marcos:
Variantes
Masculinas Marco
Etimoloxía e historia
Do latín Marcus, nome teofórico romano que contén o nome dun deus (provén dun anterior *Mart-co-s, Marti-co-s, e este de Mars, Martis 'Marte'). Significa 'de Marte', 'dedicado ao deus Marte'. Conserva o -s porque provén do nominativo (fronte a Marco, do acusativo Marcum).
Motivación
Marco foi o nome de moitos romanos ilustres: Marco Porcio Catón, Marco Tulio Cicerón, Marco Fabio Quintiliano, Marco Xunio Bruto (fillo adoptivo e asasino de Xulio César), Marco Valerio Marcial (poeta de orixe hispana) e os emperadores Marco Ulpio Traxano (98-117) (tamén de orixe hispana) e Marco Aurelio (161-180).
San Marcos (século I) foi un dos catro evanxelistas. Era xudeu de nación e chamábase Xoán, pero tomou o nome romano de Marcos como sobrenome. Tivo unha relación estreita cos apóstolos Pedro e Paulo. Segundo a lenda, marchou por orde de Pedro a Alexandría de Exipto, onde fundou unha comunidade cristiá e acabou sendo martirizado. Os cristiáns enterrárono nunha cova. No ano 828 comerciantes venecianos roubaron o seu corpo e levárono a Venecia, onde se erixiu un gran templo, de estilo bizantino, para dar acubillo ás súas reliquias.
O Tío Marcos da Portela, editada en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, foi a primeira publicación monolingüe en galego (1876). Tivo tres etapas: 1876-1880, 1883-1889 e 1917-1919. Era de marcado carácter anticaciquil.
Chamáronse así
O viaxeiro e explorador veneciano Marco Polo (séculos XIII-XIV), o historiador francés Marc Bloch (1886-1944) e o pintor francés de orixe rusa Marc Chagall (1887-1985).
Lembramos tamén a Marcos Valcárcel López (1958-2010), historiador, xornalista e escritor en lingua galega natural de Ourense. Leva o seu nome o Centro Cultural de Exposicións e Congresos da súa cidade natal.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Markus | |
Bretón | Mark | |
Catalán | Marc | |
Español | Marcos | |
Éuscaro | Marko | |
Marka | ||
Marz | ||
Francés | Marc | |
Inglés | Marcus | |
Mark | ||
Italiano | Marco | |
Portugués | Marco | |
Marcos | ||
Romanés | Marcu | |
Ruso | Mark |
Antes e despois de Marcos
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]