Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Margarida
feminino
Nome cristián
Pronuncia
Margarida:
Hipocorísticos
Femininos Marga
Etimoloxía e historia
Do nome latino Margarita, usado nas inscricións dos primeiros séculos do cristianismo; fora tomado do nome común latino margarita 'perla', préstamo do substantivo común grego margarítēs 'perla', de posible orixe oriental. É unha forma afín á palabra sánscrita manjari 'botón de flor', 'perla'.
Motivación
Ao longo da historia houbo moitas santas con este nome, polo menos vinte, e tamén raíñas, emperatrices e escritoras.
Santa Margarida de Antioquía de Pisidia (século III?) presenta unha vida fabulosa que cadra moito coas de santa Mariña e de santa Pelaxia; os innumerables martirios que ao parecer sufriu tamén se lles atribúen a estas e a outras santas. Santa Margarida de Cortona (século XIII) fundou nesta cidade italiana un hospital para pobres. Santa Margarida de Escocia (século XII), da familia real húngara, casou co rei de Escocia Malcolm III e tivo dous fillos, tamén santos: David e Edite. Santa Margarida María de Alacoque (século XVII), salesiana francesa, é coñecida pola visión que seica tivera do Sagrado Corazón de Cristo, devoción que tivo moito auxe no século XIX e principios do XX.
La reine Margot (1845) é unha novela de Alexandre Dumas pai, levada ao cinema co mesmo título en 1910, 1954 e 1994, que describe as cruentas guerras de relixión na Francia do último terzo do século XVI, coa raíña Margarida de Valois (Margot), esposa de Henrique IV, como unha das protagonistas.
Chamáronse así
As escritoras francesas Marguerite Yourcenar (1903-1987) e Marguerite Duras (1914-1996), esta tamén cineasta. Na política, a británica Margaret Thatcher (1925-2013), Primeira Ministra do Reino Unido de 1979 e 1990.
Margot Sponer (1898-1945), lingüista alemá que, coa súa tese de doutoramento Altgalizische Urkunden (Documentos Antigos de Galicia) se converteu nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo; foi asasinada polos nazis poucos días antes do remate da segunda guerra mundial.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Margarethe | |
Margaretta | ||
Bretón | Gaidig | |
Gaida | ||
Gaid | ||
Margaid | ||
Marc’harid | ||
Catalán | Margarida | |
Español | Margarita | |
Éuscaro | Margarita | |
Hostaizka | ||
Hostaitza | ||
Francés | Margot (hip.) | |
Martaus | ||
Margherite | ||
Holandés | Greet | |
Griet | ||
Margaretha | ||
Margareta | ||
Húngaro | Margit | |
Inglés | Maggie (hip.) | |
Margaret | ||
Italiano | Margherita | |
Polaco | Małgorzata | |
Portugués | Margarida | |
Romanés | Margareta | |
Ruso | Margarita |
Antes e despois de Margarida
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]