Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Guillerme, Guillermina
Personaxe histórico
Pronuncia
Guillerme:
Guillermina:
Variantes
Etimoloxía e historia
Antigo nome de orixe xermánica, moi atestado na documentación galega desde o século X, que presentaba na Idade Media a forma Guillelme como variante maioritaria. Está composto polas raíces góticas *wiljia ‘vontade, desexo; pracer, satisfacción’ e *hilms ‘elmo, casco’. A variante Guillén, presente tamén na época medieval, é de procedencia catalá ou occitana. No latín medieval aparece documentada a forma Guilielmus e Vilielmus.
Motivación
Unha antiga lenda occitana identificaba a Guillerme de Aquitania (Guilhem X, conde de Tolosa e de Poitiers, morto en 1138) con Guillerme de Orange, paladín de Carlomagno e morto en 812. O duque de Aquitania peregrinou a Roma, a Xerusalén e a Compostela, onde morreu. Tamén se chegou a identificar co protagonista do romance de don Gaifeiros de Mormaltán, poema que Murguía tratou de pasar por tradicional, pero que en realidade foi obra súa de finais do século XIX.
Levaron este nome numerosos reis e emperadores europeos: en Inglaterra, o primeiro foi Guillerme I o Conquistador (século XI); o último, Guillerme IV (século XIX). En Alemaña destacan os emperadores Guillerme I e II; en Holanda, Guillerme I e II de Nassau, que loitaron contra os reis de España pola independencia dos Países Baixos. Guillerme Tell (século XII) foi o heroe lendario da independencia suíza.
Lembramos o personaxe do frade franciscano Guillerme de Baskerville da novela O nome da rosa (1980), do italiano Umberto Eco, ambientada na Italia medieval; no filme homónimo (1986) foi encarnado polo actor escocés Sean Connery.
Chamáronse así
Escritores famosos como o inglés William Shakespeare (1564-1616), o francés Guillaume Apollinaire (1880-1918), o norteamericano William Faulkner (1897-1962) ou o cubano Guillermo Cabrera Infante (1929-2005); filósofos como o inglés William de Ockham (1285-1349); científicos como o italiano Guglielmo Marconi (1874-1937) e políticos como o alemán Willy Brant (1914-1992).
Guillermo Álvarez Pérez (1867-1929), arquitecto e filántropo de Cortegada.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Wim (hip.) | Minna |
Willi | Wilma | |
Wilhelm | Wilhelmine | |
Bretón | Gwillou | |
Gwilherm | Gwillamet | |
Catalán | Guillem | Guilleuma |
Español | Guillermo | Guillermina |
Éuscaro | Gillermo | |
Gillelmo | ||
Gillelm | ||
Gilen | ||
Gilem | ||
Francés | Guillaume | Guillemette |
Friulano | Guilhelm | |
Guilhem | ||
Holandés | Wilm | |
Willem | ||
Inglés | Bill (hip.) | Elma (hip.) |
Willie | ||
Will | ||
William | Wilhelmina | |
Italiano | Guglielmo | Guglielmina |
Portugués | Guilherme | Guilhermina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Guillerme
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]