Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Guido
masculino
Nome cristián
Etimoloxía e historia
Nome de recente introdución, difundido seguramente desde o italiano, formado a partir dunha raíz xermánica *wit(i), de orixe discutida.
Motivación
Guido de Arezzo (990-c. 1050) foi un frade bieito do mosteiro de Pomposa (Italia) que escribiu o Micrologus, o tratado musical máis coñecido da Idade Media. Débenselle a el os nomes das notas musicais.
Hai un san Guido de Pomposa (século XI), abade deste mosteiro, distinto do anterior.
Para a historia medieval de Galicia foi importante Gui de Bourgogne (Guido da Borgoña) —tamén coñecido como Gui de Vienne (Guido de Vienne), pois existiron outros dous Gui ou Guy de Bourgogne, un deles cardeal no século XIII—, elixido papa en Cluny co nome de Calisto II (1119-1124). Era irmán de Raimundo da Borgoña, o primeiro marido de dona Orraca, filla do rei Afonso VI de León, Castela e Galicia (nomeados condes de Galicia polo monarca). Foi moi amigo do arcebispo de Compostela Diego Xelmírez, a quen axudou a converter a catedral de Santiago en sede metropolitana, e tamén promoveu as peregrinacións a Compostela coa instauración en 1120 do Ano Santo Xacobeo cando o 25 de xullo cadre en domingo. O Códice Calixtino recibe este nome por considerarse, erroneamente, que o redactara el.
Chamáronse así
Guy de Maupassant (1850-1893), escritor francés.
Guido Batelli (1869-1935), escritor italiano que de 1930 a 1934 foi profesor na Universidade de Coimbra; amigo de Vicente Risco e de Aquilino Iglesia Alvariño, traduciu ao italiano poemas de escritores galegos, entre eles a Cántiga de Curros Enríquez, convertida polo pobo n’Unha noite na eira do trigo, pero que en orixe empezaba co verso No xardín unha noite sentada; así tamén empezaba a versión italiana de Batelli publicada na revista Nós en 1933: Nel giardino, una notte seduta, por certo moi ben adaptada á letra orixinal do poema do vate de Celanova
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Guido | |
Catalán | Guiu | |
Español | Guido | |
Éuscaro | Gido | |
Francés | Guy | |
Inglés | Guy | |
Guido | ||
Italiano | Guido | |
Portugués | Guido |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Guido
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]