Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Fernando, Fernanda
Nome cristián
Pronuncia
Fernando:
Fernanda:
Hipocorísticos
Másculinos Nando, Nano, Fer
Etimoloxía e historia
Nome galego de orixe xermánica, composto do godo *frithu- 'paz' e o adxectivo *nanths 'valente, ousado'. Os testemuños máis antigos deste nome rexístranse na documentación galega desde o século IX, coas formas Fredenandus, Frenandus e Fernandus, entre outras. A partir do século XI converteuse nun dos máis frecuentes en Galicia e deu lugar ao apelido Fernández.
Motivación
Levaron este nome varios reis e nobres dos reinos cristiáns da Península Ibérica durante a Idade Media.
Fernando I o Grande, fillo do rei de Navarra Sancho III o Maior, foi primeiro conde de Castela e despois, polo seu matrimonio con Sancha, a raíña lexítima, rei consorte de Gallaecia, reino que comprendía todo o noroeste hispánico ó norte do río Douro. A pesar de que a historiografía tradicional española lle deu a Fernando máis relevancia que a Sancha, o Chronicon Compostelanum (séc. XII) indica que reinara 27 anos (de 1038 a 1065) xunto á súa esposa, “a quen correspondía o reino”. Durante este período o territorio galaico ampliouse cara ao sur coas conquistas de Lamego, Viseu e Coímbra. Á morte da parella real, o amplo reino de Gallaecia dividirase entre os seus fillos, de xeito que Sancho herdará o condado de Castela (elevado, por primeira vez, á categoría de reino), Afonso o reino de León e García o reino de Galicia, o máis extenso e rico, pois comprendía a Galicia actual e o norte de Portugal ata Coímbra.
Para os galegos cómpre salientar a Fernando II de Galicia e León, ou de León e Galicia, por esta orde, pois a fórmula Dei gratia Legionis et Gallecie rex foi a máis habitual da súa chancelería. Reinou de 1157 a 1188, e no seu reinado e no seguinte do seu fillo Afonso VIII (IX para a historiografía española oficial), o peso de Galicia no conxunto dos dous reinos foi moi grande. No período 1157-1230 os dous soberanos pasaron a maior parte dos seus respectivos reinados percorrendo Galicia e escolleron a catedral de Santiago para o seu soterramento; os seus sartegos pétreos atópanse no Panteón Real. Nesta etapa empezaba tamén a idade de ouro para a lingua galega, que xa se utiliza en documentos administrativos en substitución do latín ao tempo que se converte na lingua literaria do noroeste ibérico. Tanto Fernando como o seu fillo Afonso favoreceron as vilas e cidades galegas, ás que lles outorgaron cartas forais que as dotaban de autonomía fronte aos señores feudais. Os reis protexeron non só trobadores e xograres, senón tamén artistas, como foi o caso do mestre Mateu, a quen Fernando II lle concedeu en 1168 unha pensión vitalicia para que levase a cabo a magna obra do Pórtico da Gloria da catedral compostelá (inaugurado por este rei en 1188 e consagrado polo seu fillo en 1211).
Fernando III (1201-1252), chamado o Santo —canonizárono en 1617—, era fillo de Afonso VIII de León e Galicia; foi primeiro rei de Castela tras a morte da súa nai, Berenguela de Castela, a partir de 1217, e despois tamén de León e Galicia tras a morte do seu pai, a partir de 1230. Con el no trono Galicia pasou a un segundo plano, pois incorporouna á Coroa de Castela como unha simple provincia, aínda que seguiu conservando a categoría de reino; impuxo tamén o uso exclusivo do idioma castelán na Corte, en detrimento do galego.
Fernando II de Aragón, chamado o Católico, gobernou ese reino de 1479 a 1516. Casou primeiro coa infanta Isabel de Castela e axudoulle a conseguir o trono castelán (1475); tamén será rei de Castela, co nome de Fernando V, primeiro como correxente e despois rei efectivo cando morre a súa muller en 1504.
Chamáronse así
Na Idade Media podemos citar a Fernán Pérez de Traba (século XII), conde galego que, unido á condesa de Portucale, dona Tareixa, intentou manter unido o reino de Galicia, pero os dous foron vencidos por Afonso Henriques, fillo da condesa, na batalla de San Mamede (1128), o que provocaría a escisión do Condado Portucalense (futuro reino de Portugal).
Fernando Ruíz de Castro (século XIV), conde de Trastámara e de Lemos, foi un poderoso nobre galego que encabezou en Galicia a defensa dos dereitos do rei lexítimo Pedro I de Castela fronte ás pretensións do usurpador Henrique. Pedro morre a mans do seu medio irmán en Montiel en 1369, mais o conde galego aínda resistirá, facéndose forte na amurallada cidade de Lugo, ata 1371, pero ao final será derrotado polas tropas de Henrique, que mesmo se apropiaría do titulo condal galego de Trastámara para a súa dinastía.
Tamén o levaron, entre outros, Hernán Cortés (1485-1547), conquistador español de México; Fernão de Magalhães (1480-1521), navegante portugués ao servizo de Castela; Ferdinand de Lesseps (1805-1894), enxeñeiro francés construtor da Canle de Suez en 1869; Fernand Léger (1888-1955), pintor francés; Fernand Braudel (1902-1985), historiador francés; Fernando Pessoa (1888-1989), poeta portugués.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Ferdinand | Ferdinande |
Catalán | Ferran | |
Español | Hernando | |
Fernando | Fernanda | |
Éuscaro | Perdiñande | |
Errando | ||
Fernando | Fernanda | |
Ferran | ||
Francés | Ferrand | |
Fernand | ||
Ferdinand | ||
Inglés | Ferdinand | |
Italiano | Fernando | |
Ferdinando | ||
Portugués | Fernão | |
Fernando |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Fernando
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]