Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Costanza
feminino
Personaxe histórico
Véxase Constante
Etimoloxía e historia
Do latín Constantia 'constancia', 'perseverancia'. Para os cristiáns evocaba a firmeza na fe.
Motivación
Costanza era un nome feminino habitual na Baixa Idade Media peninsular.
Unha das mulleres notables que o levou foi Costanza de Lancaster ou de Castela (1354-1394), a “raíña sen trono”. Era filla do rei Pedro I de Castela —coroa á que estaba incorporado o reino de Galicia—, que a designara a súa herdeira lexítima, pero cando o seu pai foi asasinado polo seu medio irmán Henrique de Trastámara (1369), quedou privada do trono, usurpado polo seu tío. En 1371 casou co fillo do rei de Inglaterra, John of Gaunt —traducido como Xoán de Gante—, duque de Lancaster, e en 1386 embarcou en Inglaterra co seu marido e coa súa filla máis vella, Catarina, cunha frota de vinte barcos cargados de soldados, e desembarcou na Coruña coa idea de facer valer os seus dereitos á coroa de Castela mediante as armas fronte a Xoán I de Trastámara, fillo de Henrique. Contan as crónicas do francés Jean Froissart, que acompañaba o séquito, que Costanza e Xoán foron aclamados na Coruña, Santiago, Pontevedra e Tui, e que ela se dirixiu en galicien aos habitantes de Betanzos. Tiñan, ademais, o apoio do rei de Portugal. Ao final, decimado o seu exército pola peste, negociaron a paz, e, no Tratado de Baiona (1388), acabaron renunciando ós dereitos sucesorios a cambio de que a súa filla Catarina casase co herdeiro de rei castelán, o futuro Henrique III. Para selar a unión das dúas ramas sucesorias do rei Afonso XI instituíuse o título de Príncipe de Asturias para o herdeiro da coroa de Castela, que pasaría séculos despois aos herdeiros da coroa española, ata a actualidade.
Tamén pasou á historia Costanza de Castro, a chamada filla rebelde do mariscal Pedro Pardo de Cela, que, como o seu pai e a súa irmá Beatriz, opuxo resistencia ás tropas da raíña Isabel de Castela a finais do século XV. Primeiro estivo casada cun medio irmán da súa nai, chamado Galaor Osorio, de quen tivo dous fillos, pero logo, anulado o matrimonio, uniuse a Fernán Ares de Saavedra, e xuntos resistiron durante moito tempo, en 1484, no castelo de Vilaxoán ou de Caldaloba (Cospeito) o asedio das tropas castelás de Diego López de Haro. Segundo o cronista Vasco da Ponte, Costanza morreu por beber auga contaminada do interior da fortaleza.
Chamáronse así
Sor Costanza Vázquez de Somoza, abadesa de San Xillao de Lobios, unha das catorce abadesas bieitas galegas —as chamadas donas touquinegras— que se opuxeron con firmeza á supresión dos conventos femininos galegos e á centralización iniciada en 1487 pola raíña Isabel I de Castela. Estas monxas rebeldes enfrontáronse durante trinta anos a dúas raíñas e a dous reis de Castela e a catro papas. En 1499 fundouse o convento de San Paio de Antealtares de Santiago para recluílas baixo a autoridade dunha abadesa burgalesa. Algunhas, como sor Costanza, fuxiron da clausura deste mosteiro e foron declaradas prófugas e apóstatas. Foi outro dos episodios violentos da “doma” do reino de Galicia de finais do século XV e principios do XVI, que non se deu noutros reinos, que ía rematar coa supresión dos mosteiros femininos galegos.
Constanze Weber, alemá, foi a muller do compositor W. A. Mozart, co que casou en 1782. Tiveron seis fillos.
Constance Markievicz, política irlandesa, a primeira muller en formar parte dun goberno en Europa, ao ser nomeada ministra de Traballo da República de Irlanda entre 1919 e 1922.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Konstanze | |
Constanze | ||
Catalán | Constança | |
Español | Constancia | |
Constanza | ||
Éuscaro | Iraupen | |
Kostantze | ||
Francés | Constance | |
Inglés | Connie (hip.) | |
Constantia | ||
Constance | ||
Italiano | Costanza | |
Portugués | Constança | |
Romanés | Constanţa |
Antes e despois de Costanza
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]