Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Carolina, Carlos
Personaxe histórico
Pronuncia
Carolina:
Carlos:
Variantes
Hipocorísticos
Másculinos Carlechos, Carlucho
Femininos Carola
Etimoloxía e historia
Nome de orixe xermánica e un dos poucos que, con Hugo, non é composto. A orixe é Karl, latinizado en Carolus (forma de onde procede o feminino Carolina). O outro feminino, Carla, pode vir a través do italiano.
Nun principio era un nome común que designaba un 'home libre pero sen bens de seu'; logo pasou a designar o cargo de 'mestre ou mordomo do pazo' entre os reis francos. Cando o poder destes mordomos medrou, karl pasou a ser un título. Finalmente chegou a ser nome propio.
Motivación
Nome moi popular en Europa adoptado por varias familias reais desde a Idade Media: Carlomagno (‘Carlos o Grande’), rei dos francos (768-814), o máis famoso, intentou reconstruír o Imperio romano con capital en Aquisgrán. Levaron este nome sete emperadores do Sacro Imperio Romano, dez reis de Francia, cinco de España, un de Portugal, varios de Suecia e numerosos príncipes. Carlos I de España e V do Sacro Imperio Romano Xermánico (1500-1558) foi un dos de máis renome.
San Carlos Borromeo (1538-1584) foi o santo de máis sona con este nome. Membro da alta nobreza, xa era cardeal aos 22 anos. Fundou un dos primeiros seminarios e tivo sona pola súa actuación na gran peste de 1575. Participou no Concilio de Trento (1545-1563).
Chamáronse así
Charles Perrault (século XVII) e Charles Dickens (século XIX), escritores; o científico Charles Darwin (século XIX); o filósofo alemán Karl Marx (século XIX); o militar e político francés De Gaulle (1890-1970); o cineasta Chaplin (1889-1977), inglés, e o papa Karol Wojtyla (Xoán Paulo II), 1920-2005.
Tamén é longa a listaxe de galegos notables deste nome; por citarmos dous deles: Carlos Maside (1897-1958), pintor e gravador, e Carlos Casares (1941-2002), escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas de 2017.
Os nomes femininos de Carolina e Carlota difundíronse pola cortes reais europeas desde finais do século XVII (Sophie-Charlotte, esposa de Frederico III de Prusia) ata a actualidade.
Caroline Lucretia Herschel (1750-1848), astrónoma e matemática alemá.
Carolina Otero (1868-1965) foi o nome artístico adoptado pola galega de Valga Agustina Carolina Otero, a Bela Otero, famosa bailarina e cantante no París da Belle Epoque.
Carolina Michaëlis de Vasconcelos (1851-1925), filóloga alemá nacionalizada portuguesa, estudosa das linguas galega e portuguesa; parece ser que dela partiu a denominación “galego-portugués” para o galego medieval, común aos reinos de Galicia e de Portugal.
Carolina Casanova Rodríguez, coñecida como Carolina Casanova de Cepeda (1847-1910), soprano galega, considerada como unha das mellores da segunda metade do século XIX.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Charlotte | |
Karloline | ||
Karl | Karla | |
Bretón | Charlez | |
Catalán | Carlota | |
Carolina | ||
Carles | Carla | |
Español | Carlota | |
Carla | ||
Carlos | Carolina | |
Éuscaro | Karlota | |
Karlos | Karolina | |
Karlo | Karla | |
Francés | Charles | Charlotte |
Inglés | Charley | |
Charles | Carol | |
Italiano | Carolina | |
Carlo | Carla | |
Polaco | Karol | |
Portugués | Carlota | |
Carolina | ||
Carlos | Carla | |
Romanés | Carol | |
Ruso | Karl | Karolina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Carolina
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]