Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Calista, Calisto
Nome cristián
Variantes
Etimoloxía e historia
Do grego Kállistos 'belísimo, fermosísimo', superlativo de kalós 'bo, fermoso'.
Motivación
Nome que levaron tres papas. O primeiro, san Calisto (217-222), foi o fundador da igrexa romana de Santa María en Trastévere; o papa Ceferino escolleuno para vixiar as catacumbas da Vía Apia, que el ampliou e que tomarían o seu nome: catacumbas de san Calisto.
Calisto II foi o nome que tomou Guido de Borgoña, ou Guido de Vienne —pois da Borgoña houbo outros dous eclesiásticos así chamados—, monxe da abadía de Cluny, cando foi elixido papa en 1119. Era da familia dos condes da Borgoña, moi ligados ao reino de Galicia, pois o seu irmán Raimundo estaba casado desde 1091 con dona Orraca, a filla máis vella de Afonso VI de León, Galicia e Castela. O arcebispo Xelmírez tivo unha fonda amizade con el, que aproveitou para beneficiar a sé catedralicia de Santiago. Ademais, atribúeselle erroneamente a este papa a autoría do Liber Sancti Iacobi, conxunto de cinco libros en latín que abordan o culto e as tradicións que estaban vixentes na época arredor do apóstolo Santiago en Galicia. Por tal atribución, esta obra tamén é coñecida como Códice Calixtino, en referencia ao seu manuscrito máis famoso, custodiado na catedral compostelá.
O Códice é unha especie de enciclopedia xacobea que contén a primeira guía de peregrinos do Camiño de Santiago. Non é unha guía turística, razón pola cal as cidades polas que pasa son nomeadas co nome do santo ou santa que nelas se honra: San Pedro de Moissac, Santa María de Le Puy, Santa Fe de Conques… Nesta obra distínguese entre Galicia —o territorio de Galicia e León— e Hispania —Castela e a Terra de Campos—. Galicia aparece como un país rico e para o seu autor -atribúeselle a Aymeric Picaud- o galego era o pobo hispánico máis parecido ao francés. En suma, que ten unha visión positiva dos galegos como séculos atrás a tiveran o visigodo Isidoro de Sevilla e o franco Gregorio de Tours.
O exemplar deste Códice da catedral compostelá —de gran repercusión nos medios polo seu roubo en 2011 e posterior recuperación ao ano seguinte—, datado entre 1150 e 1160, é o máis antigo e completo que se conserva, pois hai algunhas copias máis.
Na literatura castelá, Calisto é o protagonista masculino do drama La Celestina (ou Tragicomedia de Calisto y Melibea), de finais do século XV, prototipo de galán de fins da Idade Media. Atribúese a súa autoría a Fernando de Rojas.
Calisto é un satélite do planeta Xúpiter, descuberto en 1610 por Galileo Galilei.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Kalixt | |
Catalán | Calixt | |
Español | Calixto | |
Éuscaro | Kalisto | Kalisto |
Francés | Calixte | |
Inglés | Callistus | |
Italiano | Callisto | |
Calisto | ||
Portugués | Calisto |
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]