Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Bartolomeu
masculino
Nome cristián
Hipocorísticos
Másculinos Bartolo, Bértolo
Etimoloxía e historia
Procede, a través do latín eclesiástico Bartholomaeus e do grego Bartholomaîos, do arameo Bar Talmai, de bar 'fillo', e Talmai, nome propio que algúns identificaron co grego Ptolomeo.
Motivación
Bartolomeu foi o máis enigmático dos doce apóstolos de Cristo; mesmo a súa personalidade é un misterio. No Evanxeo de san Xoán chámaselle Natanael. Suponse que exerceu o seu apostolado en Armenia, onde sofreu o martirio de ser esfolado, e así é representado na arte. En Galicia ten bastante culto, pois é titular de 37 parroquias e moitos santuarios.
É tristemente famoso na historia europea o episodio do masacre de protestantes na noite de san Bartolomeu (París, 23-24 de agosto de 1572), ordenado pola monarquía católica francesa.
Chamáronse así
Frei Bartolomé de Las Casas (1474-1566), quen denunciou os abusos dos conquistadores españois cos indíxenas americanos; Bartolomé E. Murillo (1617-1682), pintor sevillano; Bartolomeu Dias (c. 1450-c.1500), navegante portugués descubridor do cabo da Boa Esperanza no sur de África, cando buscaba a ruta das Indias.
O clérigo andaluz Bartolomé Sagrario Molina publicou en 1550 unha Descripción del Reyno de Galizia, que constitúe unha apaixonada defensa de Galicia e dos galegos contra os desprezos que naquela época eran habituais na corte real española.
O navegante pontevedrés Bartolomeu García de Nodal, xunto co seu irmán Gonzalo, levou a cabo entre 1618 e 1619 unha expedición marítima para explorar a Terra de Fogo, a illa ao sur do estreito de Magalhães; hai quen afirma que foron os dous irmáns os que denominaron “río Gallegos” ao río máis austral da Patagonia arxentina (na súa desembocadura nacería a cidade de Río Gallegos, capital da provincia de Santa Cruz), e tamén descubriron a illa de Diego Ramírez, a terra americana máis austral.
Bartolomé de Raxoi (Pontedeume 1690 - Santiago 1772), arcebispo de Santiago entre 1751 e 1772. En 1776 mandou construír na praza do Obradoiro compostelá un edificio para albergar o Consistorio, os cárceres e o Seminario de Confesores; hoxe é coñecido como o Pazo de Raxoi.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Bartholomäus | |
Catalán | Tomeu | |
Bartomeu | ||
Español | Bartolo (hip.) | |
Bartolomé | Bartolomea | |
Éuscaro | Bertolo | |
Bartolome | Bartolomea | |
Francés | Barthélémy | Bartholomé |
Húngaro | Bartók (hip.) | |
Bertalan | ||
Inglés | Bart (hip.) | |
Bartholomew | ||
Italiano | Bartolo (hip.) | |
Bartolomeo | ||
Portugués | Bártolo | |
Bartolomeu | ||
Romanés | Bartolomeu | |
Ruso | Varfolomei |
Antes e despois de Bartolomeu
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]