Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Barca
feminino
Nome cristián
Pronuncia
Barca:
Etimoloxía e historia
A palabra Barca, que se empeza a rexistrar no latín serodio, parece hispánica, quizais ibérica, pero axiña se difundiu polo Mediterráneo, no xermánico e no celta. Posiblemente significase 'caixón, artesa' ou semellante; dela deriva a palabra barco.
Motivación
A Nosa Señora da Barca é unha advocación mariana galega que conta cun santuario na vila de Muxía. A súa orixe está nunha antiga lenda en que a Virxe aparece transportada nunha barca de pedra, lenda que se repite noutras costas atlánticas, e que se acabaría ligando á suposta presenza do apóstolo Santiago en Galicia, segundo a cal este recibiría a visita da Virxe María, trasladada en carne mortal desde Palestina. Como testemuño quedarían as pedras dos Cadrís (a barca) e de Abalar (o mastro e a vela), aínda que para outros é á inversa. Os historiadores Vicetto e Murguía interpretaban esta lenda como unha cristianización de antigos cultos prehistóricos.
A construción da primitiva ermida da Virxe talvez fose promovida no século XII polos monxes de Moraime, pero é a principios do século XVIII cando o culto a esta advocación recibe o pulo máis importante; pola construción do gran santuario que vemos hoxe e tamén pola publicación de Antonio de Rioboo e Seixas de La barca más prodigiosa (1728), libro no que este cóengo e historiador intenta dar probas da aparición da Virxe ao Apóstolo en Muxía, pois outros eclesiásticos da época só admitían como verdadeira a aparición da do Pilar de Zaragoza.
O culto á Virxe da Barca foi aumentando e o seu santuario acabaríase convertendo nun dos máis populares centros de peregrinación dos galegos. Á romaría de 1853 asistiu unha mociña de 16 anos, Rosalía de Castro, e a esta celebración dedicaríalle un longo poema que publicaría en Cantares Gallegos (1863). Do ano 1903 data o conto Na romaría da Barca, do escritor baiés Enrique Labarta. En 1935 a editorial Nós publicaba os seis poemas galegos de Federico García Lorca, un deles titulado “Na romaxe de Nosa Señora da Barca”. Entre 1930 e 1960 os poetas muxiáns Paz Lestón e López Abente tamén lle dedicaron poemas á Virxe e á súa romaxe. Son incontables as cántigas populares do Cancioneiro da Barca; unha delas fora a inspiradora da poesía de Rosalía.
Chamáronse así
O bautizo da primeira muller con este nome en Muxía data de 1904; o seu padriño foi o escritor Gonzalo López Abente, tío dela. É curioso que non volva aparecer na parroquia outra bautizada así chamada ata as dúas últimas décadas do século XX. Hoxe é un nome vivo na vila e no concello muxián.
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Barca
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]