Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Artur
masculino
Personaxe histórico
Pronuncia
Artur:
Etimoloxía e historia
O nome do rei protagonista do ciclo bretón na Idade Media é de orixe moi discutida. Relacionouse con palabras celtas como arth, ‘oso’; outros estudosos apuntan a Artorius, o nome dunha gens romana, de orixe nunha lingua itálica distinta do latín. Finalmente, hai tamén quen o pon en relación co nome dunha estrela chamada Arturo, a estrela máis luminosa da constelación Boieiro, próxima ás das dúas Osas; vén do latín Arcturus e este do grego Arktoûros ‘o vixiante da osa’. O nome refírese a unha lenda mitolóxica: Zeus concibiu un fillo de Calisto, unha ninfa. Para protexela da súa esposa, Hera, transformouna en osa, e despois en constelación (a Osa Maior); Arturo é o seu fillo, Arcas, que a protexe. En calquera caso, o nome persoal procede da tradición literaria, o rei Artur; con esta forma documéntase ininterrompidamente desde o século XIII ao XVI.
Motivación
O rei Artur, rei lendario de Britania, onde se supón que reinou entre os séculos V e VI, foi o mítico defensor dos celtas britanos fronte aos invasores saxóns e converteuse no personaxe central de numerosas obras medievais de carácter cabaleiresco, que transformaron a súa corte nun lugar onde se reunían os cabaleiros máis perfectos da época: “os cabaleiros da Táboa (Mesa) Redonda”. Naceu así o ciclo artúrico, iniciado por Chrétien de Troyes. A influencia destas lendas tamén chegou á Galicia medieval, dando lugar á narrativa do “ciclo bretón” (século XIV): A Demanda do Santo Graal foi a obra máis coñecida. En galego só conservamos da tradición literaria uns fragmentos do libro de Tristán.
Amor de Artur é o título dunha novela de Xosé Luís Méndez Ferrín (1987).
Chamáronse así
Arthur Schopenhauer (séculos XVIII-XIX), filósofo alemán; Arthur Conan Doyle (séculos XIX-XX), escritor escocés e Arthur Miller (século XX), dramaturgo estadounidense.
Arturo Souto (Pontevedra 1902- México 1964) foi un importante pintor galego. Arturo Cuadrado (Denia-Alacant 1904 - Buenos Aires 1998), escritor e político galego moi activo na emigración uruguaia e arxentina.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Arthur | |
Bretón | Artus | |
Arthur | ||
Arzhul | ||
Arzur | ||
Arzhur | ||
Catalán | Artur | |
Español | Arturo | |
Éuscaro | Artur | |
Francés | Arthur | |
Inglés | Arthur | |
Italiano | Arturo | |
Portugués | Artur | |
Romanés | Artur |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]