Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Amara, Amaro
Nome literario
Pronuncia
Amara:
Amaro:
Hipocorísticos
Femininos Mara
Etimoloxía e historia
É evidente a homonimia co adxectivo latino Amarus, que tivo bastante uso na onomástica galega medieval co derivado Amarellus (que deu lugar ó topónimo Amarelle), forma da que procede o adxectivo amarelo, que tamén ten uso como apelido. Por etimoloxía popular, o nome Amaro tamén se asociou coa familia de amare.
Motivación
É un nome de orixe literaria difundido na Baixa Idade Media, talvez desde Portugal coa Vida de santo Amaro, que conta a historia da viaxe deste personaxe por mar ata o Paraíso terreal, en cuxo transcurso pasou por innumerables aventuras. Neste relato retómanse historias anteriores, algunhas procedentes de tradicións pagás, de orixe atlántica —como san Brandán—, polo cal se lle supuxo orixe céltica. Santo Amaro o peregrino conta na tradición galega cunha lenda semellante á de santo Ero da Armenteira: despois de fundar hospitais e asilos para pobres, emprendeu unha peregrinación en busca do Paraíso; chegou no seu barco a unha illa deserta e subiu ao curuto máis alto dela, mais, cando volveu ao barco, xa pasaran trescentos anos e non o coñecía ninguén.
Como non figura no Breviario romano —é un dos chamados “santos extravagantes”, non canonizados, pero venerados polo pobo coa aprobación tácita de Roma— a Igrexa asociouno a san Mauro, discípulo de san Bieito, pero nada teñen que ver un co outro.
O crime do Padre Amaro (1875) é o título dunha famosa novela do escritor portugués Eça de Queirós.
Na literatura galega tivo sona O bendito San Amaro, romance de Ramón Cabanillas ilustrado con debuxos de Castelao publicado en 1925 no balneario de Mondariz.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Amar | |
Español | Amaro | |
Portugués | Amaro |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]