Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Xosé, Xosefa
Nome cristián
Pronuncia
Xosé:
Variantes
Femininas Xosefina
Hipocorísticos
Másculinos Pepe, Pepiño, Piño, Pepín, Pepucho, Pucho, Pepaño, Xepe, Che, Cheíño, Chi, Chiño, Checé, Xexo, Xosín, Xosiño, Seso, Sesé, Se, Ieie, Xe
Femininos Pepa, Pepiña, Pepucha, Fina, Chefa, Cheche, Fefa, Sefa, Sesa, Seíña, Sesé
Etimoloxía e historia
Do hebreo Yoseph, derivado de yasaph 'engadir': 'que Deus engada, multiplique', a través do latín Ioseph, Iosephus, Ioseppus.
A forma feminina vén do antigo Joseph (o ph era igual ao f). Úsase tamén a forma Xosefina (do francés Joséphine), e os compostos Xosé María e María Xosé. Xosé foi especialmente popular en España, onde son moi frecuentes as súas representacións na arte e o antropónimo está moi estendido. O primeiro dos hipocorísticos, Pepe (co feminino Pepa), é o máis popular. Interpretouse popularmente como un acrónimo formado polas siglas P.P. que aparecían nos retratos de san Xosé e que significaban pater putativus 'pai oficial de Xesús'. Hai quen pensa que procede simplemente da duplicación do tema tónico -ep, forma antiga por perda da aspiración en Joseph. Como Xosé forma abundantes compostos, estes tamén producen hipocorísticos, como Cholo, Polucho (de Xosé Luís), Xele (de Xosé Manuel) ou Chema e Couche (de Xosé María).
Motivación
San Xosé, esposo de María, aparece moi pouco nos Evanxeos canónicos. Na tradición apócrifa dise que era carpinteiro e que descendía do rei David. Pola súa condición de pai “putativo” e non real de Xesús de Nazaré, o seu culto foi escaso antes da Contarreforma. Na Idade Media mesmo aparecía ridiculizado no teatro dos misterios. O papa Sisto V introduciu a finais do século XV a súa festa na liturxia romana; Gregorio XV instaurouna en 1621 o 19 de marzo, suposto día da súa morte. Por todo isto, por non ser un santo moi respectado, a imposición do seu nome a bautizados tardou en entrar. En Galicia entra timidamente a finais do século XVII —abren o camiño membros da fidalguía e da Igrexa—, increméntase no XVIII e nos séculos XIX e XX pasa a ocupar o primeiro lugar dos nomes masculinos.
No Antigo Testamento hai outro Xosé, undécimo fillo de Xacob, vendido polos seus irmáns como escravo a mercadores exipcios.
Xosé de Arimatea é o terceiro da Biblia con este nome; segundo a tradición, foi quen recolleu o sangue de Cristo no santo Graal.
Non houbo ningún papa con este nome e tan só foron tres os monarcas europeos que o levaron, os tres no séculos XVIII: os emperadores alemáns Xosé I (1705-1711) e Xosé II (1765-1790) e o rei de Portugal Xosé I (1750-1777). A proba de que o nome tardou en entrar é que os primeiros persoeiros famosos que o tiveron son dos séculos XVIII e XIX, tales coma os compositores Joseph Haydn (1732-1809), austríaco, e Giuseppe Verdi (1813-1901), italiano. No século XX xa habería algúns máis.
Chamáronse así
Son moitos os galegos que o levaron; só por citarmos algúns: Joseph Cornide y Saavedra (1734-1803), ilustrado coruñés, xeógrafo e escritor; o pintor Xosé Otero Abeledo ‘Laxeiro’ (Donramiro-Lalín 1908 - Vigo 1996), pintor; o escritor Xosé Neira Vilas (1928-2015), natural de Gres-Vila de Cruces; o teólogo e escritor Xosé Chao Rego (Vilalba 1932 - Santiago de Compostela 2015); os escritores Xosé Mª Álvarez Blázquez (Tui 1915 -Vigo 1985), homenaxeado co Día das Letras Galegas [DLG] 2008; Xosé Mª Díaz Castro (Guitiriz 1914 - Lugo 1990), homenaxeado co DLG 2014; Xosé Filgueira Valverde (1906-1996), natural de Pontevedra, homenaxeado co DLG 2015. Así mesmo, o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira 1936 - A Coruña 2021), presidente da RAG de 2001 a 2009.
Entre as mulleres, salientamos a Josefina Boga Romaní (1915-2010), Maruxa Boga, locutora de radio filla de emigrantes galegos na Arxentina, que mantivo en Buenos Aires de 1945 a 1984 programas destinados a revalorizar a lingua e cultura galegas; e María Josefa Wonenburger Planells (Oleiros 1927 - A Coruña 2014), ilustre matemática que desenvolveu o seu labor nos Estados Unidos e Canadá, a primeira española que obtivo unha bolsa Fulbright de estudos para doutorarse nos Estados Unidos (Yale University, 1953).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Joseph | Josepha |
Árabe | Yusuf | |
Catalán | Josep | Josepa |
Español | Josefina | |
José | Josefa | |
Éuscaro | Josepe | Josepa |
Josef | Josefa | |
Joseba | Josebe | |
Francés | Josèphine | |
Joseph | Josèphe | |
Inglés | Josephina | |
Joseph | Josepha | |
Italiano | Giuseppe | Giuseppina |
Portugués | Josefina | |
José | Josefa | |
Romanés | Iosif | |
Ruso | Osip | |
Iosif | ||
Turco | Yusuf |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]