Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Moisés
masculino
Nome bíblico
Pronuncia
Moisés:
Variantes
Masculinas Moisén
Etimoloxía e historia
Do nome hebreo Moxeh, adaptado ao grego e ao latín como Moses ou Moyses. Tense considerado que este nome xurdiu do verbo hebreo maxah 'extraer, tirar fóra', por indicar a Biblia que o seu significado era 'saqueino da auga', pero a etimoloxía máis convincente sería a que ve no nome de Moisés parte dun nome teofórico exipcio, como Tutmoses ou Rameses, 'fillo' dos deuses respectivos. Moisés deriva, seguramente, do exipcio antigo *mshj 'parir', co significado de 'fillo'.
Motivación
Segundo a Biblia, Moisés (c. 1300-1250 a. C.) foi o libertador e lexislador de Israel, o xefe carismático que deu aos hebreos a súa patria, a súa relixión e a súa lei. Ten unha historia lendaria moi semellante a outras da Mesopotamia. Criado na corte do faraón de Exipto como membro da súa familia, cando descobre a súa verdadeira orixe asume con todas as consecuencias a súa pertenza a un pobo de escravos e humillado, e decide liberalo da escravitude e trasladalo á Terra Prometida (Israel). Conseguida a liberdade, o pobo hebreo vagaría corenta anos polo deserto do Sinaí en castigo ás súas infidelidades co seu deus, Iavé, que lle entrega a Moisés as táboas dos dez mandamentos da Lei (a lei mosaica). Só a segunda xeración dos que saíran de Exipto lograría ver a Terra Prometida, pois o anoxado Iavé nin sequera llelo permitiu a Moisés nin a seu irmán Aarón.
Chamáronse así
O escritor Moises (ou Mousés) da Presa (Vigo 1904 - Buenos Aires 1981), cofundador da formación arredista Sociedade Nazonalista Pondal de Buenos Aires (1925).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Moses | |
Árabe | Mousaa | |
Catalán | Moisès | |
Español | Moisés | |
Éuscaro | Moises | |
Francés | Moïse | |
Inglés | Moses | |
Italiano | Mose | |
Portugués | Moisés | |
Romanés | Moise | |
Ruso | Moisei |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]