Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Miro
masculino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Pode considerarse hipocorístico de varios nomes rematados en -miro (Ramiro, Arximiro, Edelmiro etc.), aínda que tamén existiu un nome medieval Miro, procedente do gótico mêreis ‘famoso’, que deu orixe a topónimos como Mirón, Casdemiro, Vilamirón ou Vilarmirón.
Motivación
Miro ou Mirón (séc. VI) foi o penúltimo monarca do reino suevo da Gallaecia (570-583). Educado no catolicismo por san Martiño de Dumio, pretendeu utilizar esta relixión como forza unitaria para o seu reino, para facer desaparecer as diferenzas relixiosas. Con este e con outros fins convocou o segundo Concilio de Braga (572), ao que mesmo asistiron bispos do reino visigodo. Tratou de conservar alianzas cos bizantinos e cos francos, aos que os unía a súa oposición aos visigodos. Acabou enfrontándose directamente ao rei godo Leovexildo, pero foi derrotado no ano 575 e tivo que asinar un xuramento de fidelidade con el. Foi o principio da fin do reino suevo-galaico, pois dous anos despois o seu sucesor, Andeca, caeu derrotado e o reino suevo quedou incorporado ao visigodo como provincia, á que se lle respectou a súa denominación histórica: Gallaecia.
Chamáronse así
Aínda que no concello de Malpica existe a praia de San Miro, oficialmente non se coñece ningún santo con este nome. Na costa bergantiñá documéntanse ermidas hoxe desaparecidas que estiveron dedicadas a santa Mariña, a santa Catarina e á Virxe da Estrela; é posible que nesta praia houbese outra dedicada a este suposto santo, a pesar de non haber ningún resto na actualidade.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Miró | |
Español | Mirón | |
Éuscaro | Miro | |
Italiano | Mirone | |
Portugués | Miro | |
Romanés | Miron | |
Ruso | Mirón |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]