Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Mafalda
feminino
Nome cristián
Véxase Matilde
Etimoloxía e historia
Variante portuguesa de Matilde, a partir da súa forma francoprovenzal Mahalt (de orixe xermánica: maht 'forza'). No ano 1146 o rei Afonso Henriques de Portugal casou cunha filla dos duques de Savoia chamada Mahalt; o 'h' intervocálico do nome pronunciábase aspirado (coma hoxe o da gheada), pero, como na fonética do galego-portugués da época non existía este son, os portugueses transformaron o nome en Mafald e Mafalda.
Motivación
A beata Mafalda de Portugal (1195-1256), filla do rei Sancho I de Portugal, casou en 1215 con Henrique I de Castela, pero o papa anulou o matrimonio ao ano seguinte polo parentesco de ambos; ela regresou á súa patria e tería conflitos co seu irmán Afonso II por cuestións de herdanza á morte do seu pai. O fillo de Afonso, Sancho II, concedeulles terras e castelos ás súas tías Mafalda, Tareixa e Sancha, pero fíxoas renunciar aos títulos de princesas-raíñas. Mafalda decidiu non volver casar e entrou de monxa no convento de Arouca (distrito de Aveiro), do que acabaría sendo abadesa. Fixo construír un hospicio para viaxeiros, e tamén pontes, igrexas e hospitais na comarca.
Mahaut d’Artois —ou Mathilde d’Artois— (c. 1270-1329) foi unha princesa da liñaxe dos Capetos d’Artois, par de Francia, condesa da Borgoña polo seu matrimonio co conde Odón IV de Borgoña, e sogra dos reis de Francia Filipe IV e Carlos IV polos casamentos das súas fillas. É sobre todo coñecida polo seu papel no ciclo narrativo Les Rois maudits ‘Os reis malditos’ (1955-1977) de Maurice Druon e colaboradores.
Este nome fíxose popular a partir de 1967 polas tiras de banda deseñada da nena Mafalda do debuxante humorístico arxentino Joaquín S. Lavado ‘Quino’ (1932-2020).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Mafalda | |
Español | Mafalda | |
Italiano | Mafalda | |
Portugués | Maude | |
Mafalda |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]