Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Lugo
masculino
Nome mitolóxico
Etimoloxía e historia
Do latín lucus 'bosque sagrado', aínda que a orixe do nome da cidade galega pode ser a latinización dun topónimo indíxena preexistente, posiblemente relacionado co nome do deus celta Lug.
Motivación
A cidade de Lugo, a máis antiga de Galicia, foi na época romana capital do convento xurídico lucense da provincia da Gallaecia. En orixe, era un campamento romano fortificado. Co nome de Lucus Augusti fundouse hai máis de dous mil anos na época de Augusto. Entre o 265 e o 315 construíronse as súas murallas, a única fortificación romana que conserva íntegro o seu perímetro. Estas murallas fixeron de Lugo a praza máis forte de Galicia na Idade Media, a que maior influencia tivo no reino na Alta Idade Media, cunha nobreza que contaba cun gran poder na corte de Oviedo e que foi quen de quitar e poñer reis ao seu antollo en non poucas ocasións. Coa fragmentación do ancestral reino da Gallaecia no século XII, pódese dicir que a Galicia actual vén sendo a Gallaecia lucense, malia perder Lugo desde a Idade Media a categoría de capital ante o ascenso dunha nova cidade, Compostela, que, polo seu carácter apostólico, obrigou a Lugo a cederlle o posto.
Lugo foi nome de persoa na Galicia medieval e tamén de galeguistas do século XX da emigración americana.
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]