Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Ernesto, Ernesta
Nome cristián
Pronuncia
Ernesto:
Ernesta:
Variantes
Femininas Ernestina
Etimoloxía e historia
Nome xermánico de introdución recente, emparentado co antigo alemán ernust 'batalla, combate, guerra'.
Motivación
Santo Ernesto (século XII) foi abade do mosteiro de Zwiefalten, preto de Constanza (Alemaña). Acompañou o emperador xermánico Conrado III na segunda cruzada (1144-1148); prendérono os musulmáns e executárono.
No mundo literario convén lembrar a obra teatral The Importance of Being Earnest (1895), de Oscar Wilde. A tradución literal do título debería ser “A importancia de ser honesto”, pois en inglés o nome de persoa Earnest e o común earnest (‘serio, sincero, honesto’) son palabras homófonas e, polo tanto, o autor xoga co seu dobre sentido, que se perde en non poucas traducións, como a que se fixo para o castelán co título La importancia de llamarse Ernesto, a máis coñecida. En 1999 traduciuna ao galego e publicouna en edición bilingüe Miguel Pérez Romero, co título Ernest. Comedia frívola para xente seria.
Ernestina é unha das personaxes principais da opera de Gioachino Rossini, L'equivoco stravagante (1811, en galego O curioso malentendido).
Chamáronse así
O escritor norteamericano Ernest Hemingway (1899-1961) e o revolucionario arxentino Ernesto ‘Che’ Guevara (1928-1967). Ernest Shackleton (1874-1922), explorador británico da Antártida. En Galicia, o escritor e filólogo Ernesto Pérez Guerra (Ferrol 1911 - Lisboa 1994) que, tras o seu exilio nos Estados Unidos ao finalizar a guerra civil española, adoptará, xunto coa nacionalidade estadounidense, o nome de Ernesto Guerra da Cal; foi profesor de español e de portugués en universidades norteamericanas e publicou traballos sobre escritores galegos e portugueses.
Na forma feminina, Ernestina Otero Sestelo (Redondela, 1890 - Pontevedra, 1956), profesora de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, defendeu a renovación pedagóxica, a coeducación e os dereitos da muller; tras o golpe de Estado de 1936 sería depurada polo franquismo.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Ernestine | |
Ernst | Erneste | |
Catalán | Ernestina | |
Ernest | Ernesta | |
Español | Ernestina | |
Ernesto | Ernesta | |
Francés | Ernest | Ernestine |
Inglés | Ernest | |
Italiano | Ernestina | |
Ernesto | Ernesta | |
Portugués | Ernesto | Ernestina |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Ernesto
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]