Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Denís, Denisa
Nome mitolóxico
Pronuncia
Denís:
Variantes
Etimoloxía e historia
Nome procedente do francés Denis, apóstolo da Galia, e este do latín Dionysius, á súa vez do grego Dionýsios 'relativo a Dionisos’, adxectivo derivado de Diónysos, o nome do deus do viño, formado de Dio, xenitivo de Zeus, e Nysa, cidade exipcia onde tiña un templo. A última parte tamén se ten interpretado como unha palabra tracia que significaría 'fillo', e de aí, 'fillo de Deus'.
Este nome resistiu a castelanización asumindo a función de apelido, como Denis, Diniz ou Doniz.
Motivación
Dionisos era o deus grego da natureza, das festas e do viño, a quen os romanos fixeron corresponder con Baco.
En Galicia e Portugal o nome de Denís tivo certa difusión na Idade Media por levalo D. Denís (ou Dinís) de Portugal, rei deste país de 1279 a 1325, que foi —despois de Afonso o Sabio de Castela, León e Galicia— o máis fecundo dos trobadores da lírica galega e portuguesa da etapa medieval. Este rei recibiu este nome por san Denís de París, patrón desta cidade e de Francia, pois impuxérallo o seu pai Afonso III o Boloñés, educado en Francia.
Por ser de uso en Galicia na Idade Media e, sobre todo, por levalo o citado rei portugués poeta e protector de trobadores, xograres e segreis en lingua galega, a partir das últimas décadas do século XX o nome de Denís pasou a contarse entre os distintivos da onomástica galega.
Chamáronse así
Dionisio Gamallo Fierros (1914-2000), polígrafo de Ribadeo e académico correspondente da Real Academia Galega.
Dionisia López Amado (1928-2008), nada en Cedeira, foi unha activista política galega, membro do grupo de Nais da Praza de Maio de Buenos Aires, enfrontadas á ditadura militar arxentina para reclamar a aparición dos seus fillos secuestrados e oficialmente desaparecidos.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Dennis | |
Denis | ||
Catalán | Dionís | |
Español | Dionisio | |
Éuscaro | Dionisio | |
Dioniso | Dionisia | |
Dunixi | Dunixe | |
Denis | ||
Francés | Denis | Denise |
Inglés | Denis | |
Italiano | Dionigi | |
Dionisio | ||
Portugués | Dionísio | |
Dinís | ||
Romanés | Dionisie | |
Denis | ||
Ruso | Denis |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Denís
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]