Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Beatriz
feminino
Nome cristián
Pronuncia
Beatriz:
Hipocorísticos
Femininos Bea
Etimoloxía e historia
Do latín Beatrix, feminino de beator 'a que fai feliz', derivado de beo 'facer feliz'. Documéntase nos textos galegos desde o século XIV.
Motivación
Houbo dúas santas con este nome: unha, doncela romana (séculos III-IV), irmá de san Faustino e san Simplicio, que morreu martirizada polo delito de enterrar os corpos dos seus irmáns, arrebolados ao río Tíber en Roma; a outra, a portuguesa Beatriz da Silva (1424-1490), dama de honra da princesa Isabel de Portugal, esposa de Xoán II de Castela.
Na Galicia medieval pasou á historia Beatriz de Castro, filla do mariscal Pedro Pardo de Cela, que, como o seu pai e a súa irmá Costanza, opuxo seria resistencia ás tropas da raíña Isabel de Castela a finais do século XV.
Este nome gozou de popularidade entre os séculos XIII e XV e particularmente a finais desta centuria por vía culta pola sona da Beatriz (Beatrice Portinari) d'A Divina Comedia (1475) de Dante Alighieri.
Por certo, que o poeta pon nos labios da súa amada unha cita a Galicia e a Santiago na súa viaxe polo Paraíso (canto XXV): “...e la mia donna piena di letizia, / mi disse: «Mira, mira: ecco il barone / per cui là giù si vicita Galizia»” (‘...e a miña dona, chea de ledicia, dime: ‹Mira, mira: velaí o santo [Santiago] polo que a xente visita Galicia›’).
Beata Beatrix (1870) é o título dun famoso cadro do pintor prerrafaelita inglés Dante Gabriel Rossetti, no que o artista xunta a representación da amada de Dante Aliglieri cun drama persoal seu.
Chamáronse así
Sor Beatriz Cabeza de Vaca, abadesa de San Salvador de Albeos, unha das catorce abadesas bieitas galegas —as chamadas donas touquinegras— que se opuxeron con firmeza á supresión dos conventos femininos galegos e á centralización iniciada en 1487 pola raíña Isabel I de Castela. Estas monxas rebeldes enfrontáronse durante trinta anos a dúas raíñas e a dous reis de Castela e a catro papas. En 1499 fundouse o convento de clausura de San Paio de Antealtares de Santiago para recluílas baixo a autoridade dunha abadesa burgalesa. Algunhas, como sor Beatriz, fuxiron deste mosteiro e foron declaradas prófugas e apóstatas. Foi outro dos episodios violentos da “doma” do reino de Galicia de finais do século XV e principios do XVI, que non se deu noutros reinos, e que remataría coa supresión dos mosteiros femininos galegos.
Beatriz Benavides, emprendedora e mercadora compostelá do século XVI. A súa actividade principal posiblemente foi o comercio de panos de Castela, que ela vendía na comarca de Santiago.
Beatritz de Diá ou Condesa de Día foi unha trobadoresa de fins do século XII e comezos do século XIII.
Beatriz Galindo (1465-1535), escritora e humanista española, mestra de latín e gramática da raíña Isabel a Católica e preceptora dos seus fillos.
Helen Beatrix Potter (1866-1943), escritora, ilustradora, fabulista de literatura infantil e naturalista inglesa.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Beate | |
Beatrix | ||
Beatrice | ||
Catalán | Beatriu | |
Español | Beatriz | |
Éuscaro | Beatriz | |
Batirtze | ||
Francés | Béatrix | |
Béatrice | ||
Inglés | Trixie (hip.) | |
Bee | ||
Beatrix | ||
Beatrice | ||
Italiano | Bice (hip.) | |
Beatrice | ||
Portugués | Brites (arc.) | |
Beatriz | ||
Romanés | Beatrice |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Beatriz
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]