Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
María
feminino
Nome cristián
Pronuncia
María:
Variantes
Hipocorísticos
Femininos
Marica, Maruca, Miúca, Maúca, Mari, Maricha. En composición con outros nomes: Maica, Maca (con Carme), Marián (con Amparo, Antonia, Anxos), Mariló, Malores, Madó (con Dores), Malena (con Helena), Maribel, Mabel (con Isabel), Mariluz (con Luz), Marió (María do O), Marisol (con Sol), Marité, Maite (con Tareixa), Mariví (con Vitoria), Chus, Chusa (de María Xesús), Marisé (María Xosé), Marisa (María Luísa) etc.
Algúns destas formas son xa nomes recoñecidos no rexistro civil, como Maruxa, Maite, Maica, Marián, Malena, Marité, Maribel, Marisa.
Etimoloxía e historia
Do nome persoal hebreo Maryam (máis recentemente Miriam), adaptado ao grego como Mariám ou María e ao latín como Maria. Con todo, a orixe do nome non está en Israel, senón no Exipto dos faraóns (lémbrese que a primeira muller bíblica que o tivo foi a irmá de Moisés): no exipcio antigo existía o verbo mrj 'amar', e nomes de persoa como mrj-imn 'amado do deus Amón'. Tamén se pode pensar nun nome composto do exipcio mrj(t) 'amada', co sufixo feminino hebreo -am. María, ou a Virxe María, no cristianismo, é a nai de Xesucristo.
Motivación
Aínda que na Biblia ata sete mulleres aparecen con este nome (unha irmá de Moisés foi a primeira), a María por antonomasia do cristianismo é a Virxe María, a nai de Xesús Cristo, malia que nos textos do Novo Testamento a súa presenza sexa escasísima. Ata o século V o seu culto e devoción foi bastante discreto. En Hispania empeza a documentarse no século VII, pero foi medrando e acadou gran desenvolvemento a partir do século XII (unha boa mostra, as Cantigas de Santa María de Afonso o Sabio).
Desde moi cedo a súa figura provocou controversias teolóxicas, especialmente sobre a súa virxindade. A Reforma luterana (século XVI) rexeitou o seu culto, pero a Contrarreforma católica incrementouno. O movemento católico deu lugar a dúas proclamacións dogmáticas: a da Inmaculada Concepción (1854) e a da Asunción (1950). O Concilio Vaticano II tentou reconducir o culto mariano reducindo o número de festas para conservar o esencial: o feito de ser a nai do Mesías.
Hoxe en día é con moita diferenza o nome feminino máis frecuente no mundo cristián.
Chamáronse así
En sendo o nome feminino máis frecuente son tamén moitas as mulleres famosas que o levaron: raíñas como María Tudor de Inglaterra (século XVI), María Estuardo de Escocia (século XVII) ou María Antonieta, raíña consorte de Francia (século XVIII); houbo tamén escritoras como a inglesa Mary Ann Evans (século XIX) —que adoptou o pseudónimo de George Eliot—, cantantes de ópera como a estadounidense de orixe grega Maria Callas (século XX) ou científicas como a polaca, nacionalizada francesa, Marie Curie, Premio Nobel de Física en 1903 e de Química en 1911.
Tamén son moitas as galegas famosas así chamadas: na Idade Media, a soldadeira María Balteira (século XIII) aparece citada en cántigas trobadorescas. A luguesa María Castaña encabezou, a finais do século XIV, unha rebelión colectiva contra os abusos do bispo de Lugo. A coruñesa María Pita, en 1589, encabezou un grupo de mulleres que tomaron as armas coma os homes para defender a cidade da Coruña do ataque do corsario inglés Francis Drake. María Soliña —ou Soliño— (século XVII), muller de familia acomodada de Cangas do Morrazo, foi acusada inxustamente de meiga pola Inquisición e torturada en Santiago; requisáronlle os bens e condenárona a levar o hábito de penitente; Celso Emilio Ferreiro dedicaríalle un famoso poema. A coruñesa María Barbeito Cerviño (1880-1970), ademais de escritora, tradutora e lingüista, foi unha destacada pedagoga que introduciu en Galicia métodos avanzados para a aprendizaxe. Maruja Mallo foi o pseudónimo de Ana María Gómez González (Viveiro 1902 - Madrid 1995), pintora surrealista de gran prestixio internacional. María Isaura Vázquez ‘Maruxa Villanueva’ (1906-1998) foi unha destacada cantante a actriz de teatro en galego en Buenos Aires, onde a súa compañía estreou en 1941 Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; volveu a Galicia e desde 1974 á súa morte foi coidadora da Casa da Matanza de Rosalía de Castro, en Padrón. María Mariño Carou (Noia 1907 - O Courel 1967) foi unha escritora en galego, da xeración do 36, á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 2007. A coruñesa María Casares (1922-1996), tivo que se exiliar a Francia tras o golpe militar de 1936 en España; neste país converteríase nunha das máis prestixiosas actrices do teatro francés (nacionalizouse francesa en 1975).
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Marie | |
Maria | ||
Bretón | Mai | |
Mari | ||
Catalán | Maria | |
Español | María | |
Éuscaro | Mari | |
Maria | ||
Maddi | ||
Miren | ||
Francés | Marie | |
Holandés | Miet | |
Marja | ||
Inglés | Mary | |
Italiano | Maria | |
Polaco | Maria | |
Portugués | Maria | |
Romanés | Maria | |
Ruso | Maria |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de María
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]