Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Exeria
feminino
Personaxe histórico
Variantes
Femininas Eteria
Etimoloxía e historia
Nome latino que aparece nos textos da época de diversas formas: Egeriae, Etheria, Heteria, Echerias, Eicheria, Aetheria. Talvez proceda do verbo grego egeiro 'excitar, mover'. Levábao unha ninfa dotada do atributo da inspiración: 'a que move'.
Motivación
Exeria (séculos IV-V?) foi, segundo Valerio do Bierzo (monxe do século VII) e investigadores posteriores, unha distinguida dama da Gallaecia, pertencente á alta nobreza galaicorromana emparentada coa corte imperial, que realizou unha famosa viaxe ou peregrinación a Palestina entre os anos 381 e 384. Describiu nun itinerario (Itinerarium Egeriae) os lugares polos que pasou con datos topográficos, litúrxicos, eclesiásticos e filolóxicos. Este itinerario constitúe a primeira guía de viaxes coñecida. A galaica Exeria —tense dito que era monxa, pero iso non está probado— é tamén unha das primeiras mulleres escritoras da historia. Escribe como fala, no sermo quotidianus, o popular, e nese seu latín detéctanse xa o que hoxe son modismos galegos como “levar os nenos no colo”.
Foi contemporánea de Prisciliano, Paulo Orosio, Hidacio de Chaves e doutros escritores galaicorromanos, todos de gran prestixio, o que levou aos estudosos a considerar esta época epigonal da romanidade “o primeiro espertar cultural de Galicia”, precisamente cando outras provincias máis prósperas do imperio romano entraban en decadencia. Para salientar a súa importancia, Castelao inclúea nos primeiros lugares da Santa Compaña dos Inmortais Galegos da súa Alba de Gloria (1948).
Na actualidade existe en Galicia a asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Etheria | |
Egeria | ||
Catalán | Eteria | |
Egèria | ||
Español | Eteria | |
Egeria | ||
Éuscaro | Egeria | |
Francés | Égérie | |
Portugués | Etéria | |
Egéria |
Antes e despois de Exeria
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]