Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Berenice
feminino
Personaxe histórico
Etimoloxía e historia
Forma macedonia do grego Phereníkē, de phérein 'levar' e níkē 'vitoria': 'a que leva á vitoria'. É un nome macedonio que se puxo de moda na época de Alexandre Magno e se difundiu especialmente en Exipto.
Motivación
Nome que levaron algunhas princesas ptolomaicas. A máis coñecida foi Berenice II, filla do rei Magas de Cirene e esposa do faraón exipcio Ptolomeo III Everxetes (século III a. C.), que ofreceu a súa cabeleira á deusa Afrodita se o seu home volvía san e salvo dunha guerra. A cabeleira de Berenice foi a elexía que o poeta grego cirenaico Calímaco (c. 310 - c. 240 a. C.) lle dedicou a esta raíña. Así mesmo, o astrónomo grego Conon de Samos denominou Cabeleira de Berenice a constelación de sete estrelas que descubrira, argumentando que os deuses puxeran no ceo a cabeleira da raíña.
Na Biblia cítanse dúas princesas xudías con este nome. Unha delas era filla de Herodes Agripa I (século I); foi levada a Roma polo xeneral romano Tito —conquistador de Xerusalén no ano 70— para casar con ela. Esta historia inspirou os dramaturgos franceses Jean Racine e Pierre Corneille, que estrearon no mesmo ano (1670) unha traxedia (Berenice, no caso do primeiro) e unha comedia (Tito e Berenice, no caso do segundo).
É tamén coñecido un conto de terror de Edgar Allan Poe titulado Berenice (1835).
Chamáronse así
Berenice Abbott (1898-1991), fotógrafa estadounidense coñecida polos seus retratos de figuras culturais do século XX.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Alemán | Berenike | |
Catalán | Bereniç | |
Español | Berenice | |
Éuscaro | Berenize | |
Francés | Bérénice | |
Inglés | Bernice | |
Berenice | ||
Italiano | Berenice | |
Portugués | Berenice |
Distribución municipal
*Os datos responden á última actualización do IGE (téñase en conta que no censo do IGE non figuran acentos).
Só se mostran os datos con máis de cinco ocorrencias por concello.
Antes e despois de Berenice
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]