Guía de nomes galegos
Este nome non se encontra na guía.
Berenguela, Berenguel
Personaxe histórico
Variantes
Masculinas Berenguer, Berengario
Femininas Berengueira
Etimoloxía e historia
Nome de orixe xermánica e importanción franca nos textos galegos desde o século XII. A raíz foi posta en relación con*bera(n) ‘oso’, *baira ‘xabarín’ ou beran ‘traer, levar’.
Motivación
Berenguer Ramón ou Ramón Berenguer foron nomes de dinastía usados, alternativamente, polos condes de Barcelona dos séculos XI e XII: Berenguer Ramón I, ao que sucedeu o seu fillo Ramón Berenguer I, e a este os seus fillos xemelgos Berenguer Ramón II e Ramón Berenguer II. Fillo deste último foi Ramón Berenguer III, e deste Ramón Berenguer IV, o personaxe máis coñecido e de maior transcendencia histórica debido ao seu matrimonio en 1150 con Petronila I, raíña de Aragón, o que supuxo a unión do condado de Barcelona con este reino. Con el iníciase a dinastía catalá na coroa de Aragón, que se mantería deica 1410, para despois ser substituída pola castelá da Casa de Trastámara.
En Galicia atestamos a forma latinizada Berengarius en 1120, e igualmente aparece latinizado o nome da esposa de Afonso VII (donna Berengaria). A forma catalá ou provenzal Beringel entrou en Galicia co nome do arcebispo de Santiago sucesor de Xelmírez en 1140 e acabaría desprazando a forma latinizada anterior.
A emperatriz dona Berenguela (século XII) foi esposa de Afonso VII e está sepultada no Panteón Real da catedral de Santiago, xunto co seu fillo Fernando II de Galicia e León.
Case douscentos anos despois foi designado arcebispo de Compostela o francés Berengarii de Landoria, galeguizado como Berenguel de Landoira. Exerceu o seu mandato no arcebispado compostelán de 1317 a 1330, e xa de primeiras quixo impoñer mediante a violencia o poder eclesiástico sobre o feudal e o burgués, de aí que pasase, tristemente, á historia polo asasinato en 1320 de Afonso Suárez de Deza e outros once representantes do Concello de Santiago, degolados a traizón no castelo arcebispal da Rocha Forte cando acababan de parlamentar con el. Mellorou as fortificacións de Compostela e mandou construír a torre da Trindade (hoxe torre do Reloxo tras o engadido de Domingo de Andrade a finais do século XVII) que popularmente será coñecida como a torre Berenguela.
Equivalencias noutras linguas
Idioma | Masculino | Feminino |
---|---|---|
Catalán | Berenguela | |
Berenguer | Berenguera | |
Español | Berenguer | |
Berengario | Berenguela | |
Éuscaro | Berengela | |
Francés | Bérenguer | Bérengère |
Italiano | Berengario | |
Portugués | Berenguel | Berenguela |
Berenguer | Berengueira | |
Berengário |
Antes e despois de Berenguela
Sobre a Guía de Nomes da Real Academia Galega
A Guía de nomes galegos recolle a forma estándar de máis de 1.500 nomes que forman parte da nosa tradición antroponímica. Inclúe tamén as súas correspondencias con outras linguas e procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou lenda das personaxes que primeiro levaron estes nomes ou que os popularizaron.
Axúdanos a mellorar
Suxestións, erros, observacións...
Suxestión enviada
Moitas grazas pola súa colaboración
Erro no envío
Sentímolo pero non se puido enviar a mensaxe.
Modo de cita
Boullón Agrelo, A. I. (coord.): Guía de nomes galegos. A Coruña: Real Academia Galega. <https://academia.gal/nomes> [Consultado: <data>]